
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia no Premio A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico, que convoca a súa cuarta edición. O Servizo de Dinamización Lingüística da ESAD encárgase da organización desta iniciativa co obxectivo de promover a creación dramática en galego e a recuperación do formato de radio-teatro en Galicia.
A Agadic mantén a súa contribución a este galardón mediante a entrega como dotación dun lote de libros teatrais procedentes do seu fondo editorial. A Pegada do Eco contempla, así mesmo, un premio económico de 200 euros.
A convocatoria está aberta a todas as persoas interesadas, que teñen ata o 21 de marzo para presentar as súas obras, de temática libre. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos, ademais de estar escritos en lingua galega. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre cinco e dez minutos. Así mesmo, deberán estar libres de compromisos con emisoras de radio, televisións, editoriais ou entidades similares.
O xurado, integrado por profesorado da ESAD, valorará a calidade dramática e sonora na concepción do texto, así como o risco das propostas e as súas resolucións do espazo sonoro. Terase en conta tamén o emprego da lingua galega con corrección e/ou adecuación, riqueza, oralidade, vitalidade e creatividade.
A gañadora da última convocatoria de A Pegada do Eco de Teatro Radiofónico foi AveLina Pérez por Eu controlo, mentres que nas anteriores edicións o premio recaeu en Julio Peláez por A cunquiña e en Ernesto Suárez Is por Do material do que están feitos os soños. A obra galardoada este ano darase a coñecer no acto que terá lugar o 27 de marzo na ESAD con motivo da celebración do Día Mundial do Teatro.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.