Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
Citando un poema de Rosalía sobre o dereito á xustiza a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu por cuarta vez no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois esgrimindo tres argumentos: O dereito das vítimas a coñecer a verdade, esixencia de responsabilidades políticas e adoptar as medidas para evitar outra traxedia ferroviaria.
Temos unha débeda ética e democrática coas vítimas que reclaman unha comisión de investigación desde a dignidade e desde a fortaleza, non desde a vinganza, que nos piden que camiñamos da man con elas e que non escatimemos esforzos para coñecer a verdade e haxa unha reparación, para que se asuman responsabilidades, e para que se tomen as medidas necesarias e nunca máis se produza un accidente, explicou Pontón.
A dirixente do Bloque interpelou directamente aos deputados e deputadas do PP e do PSOE sobre o seu veto á crear unha comisión de investigación. Teñen medo a coñecer a verdade? A que se coñezan as súas mentiras como o incumprimento das normativas de seguridade, como o feito de que inauguraron un AVE que non era un AVE incorrendo en publicidade enganosa, que retiraron o sistema de seguridade ERMTS na curva máis perigoso do trazado, denunciou.
Pontón reclamou A socialistas e populares un voto en conciencia, pensando nas vítimas e non nas ordes do partido. Antes de pulsar o botón vermello pídolles que se pregunten que votarían se fosen algunha das 218 persoas que aquel día viaxaban no tren Alvia, votarían que non?, cuestionou a portavoz do Bloque.
Lembrou Pontón a recente reunión entre Feijóo e o ministro de Fomento, -o mesmo que como alcalde pedía unha comisión de investigación que agora nega-, encontro no que se esqueceu do accidente de Angrois, ao tempo que desestima o argumento de que a investigación xudicial resta importancia á parlamentaria. Unha dirime responsabilidades penais e outra políticas.
O BNG pediu votación segreda e en urna dada a transcendencia do tema e para facilitar a liberdade do voto dos e das deputadas. Voten en conciencia, non pensen en cales son as directrices do seu partido, nas ordenes dos seus xefes, pensen que é máis digno, que este Parlamento lle dea un portazo ás vítimas ou darlles xustiza, verdade e reparación,concluíu.
Pontón fixo un recoñecemento expreso do traballo da portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, da man das persoas afectadas para superar o cerco do PP e do PSOE, presente no debate na Cámara galega.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:
O grupo parlamentario de En Marea solicitou no pleno do Parlamento de Galicia a creación dunha comisión de investigación para coñecer en profundidade o acontecido no accidente de Angrois, o máis grave da historia ferroviaria do noso país. Un debate que deixou en evidencia, unha vez máis, a hipocrisia do PP que por unha banda di estar coas vítimas e comprender as súas xustas reivindicacións ao tempo que anuncia o voto en contra da petición de En Marea e BNG alegando que o Parlamento de Galicia non é o lugar axeitado. Un argumento que repetiu coas mesmas palabras o PSdeG na súa intervención.
O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, lamentou a postura de ambos grupos parlamentarios que deixan as claras a súa nula vontade de que se coñeza a realidade do acontecido en Angrois xa que asegurou teñen moito que agochar e unhas responsabilidades políticas que traballan por ocultar. O Partido Popular de feito declarou na súa intervención no debate que hai cousas que só o tempo pode curar, afirmación que o viceportavoz de En Marea replicou que non é que cure senón que o que pretenden é esperar a que pase o tempo para que os auténticos responsables desta catástrofe non podan xa que pagar polo acontecido.
A votación deste punto que foi debatido a primeira hora da mañá quedou aprazada á tarde xa que os grupos solicitantes, En Marea e BNG, pediron votación en urna apelando á votación en conciencia de cada un dos deputados da Cámara xa cada deputado e deputada deberá asumir a súa responsabilidade, decidindo se quere ou non ser cómplices e responsables de negar ás vítimas o coñecemento da realidade, e faltarlle ao respecto a todas e cada unha das familias e dos 80 falecidos e 144 feridos no máis grave accidente ferroviario da historia de Galicia e de España.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, propuxo por terceira vez a aprobación polo Parlamento galego dunha declaración institucional na que se solicite a elaboración dun informe independente, incontrovertido e incuestionable sobre o accidente ferroviario de Angrois. Fernández Prazo reiterou o interese do PPdeG de que se esclarezan completamente as causas deste accidente coa maior profundidade e rapidez posible, pero sinalou que é necesario que se faga nos foros adecuados, nos que teñen competencias para elo e fuxindo de usos demagóxicos e partidistas deste tráxico suceso.
Martín Fernández iniciou a súa intervención manifestando a solidariedade do Grupo Popular coas vítimas e coas súas familias, trasladándolles tamén o noso respecto, cariño e comprensión. Neste sentido, reiterou o interese do PPdeG de que se esclarezan completamente as causas deste accidente, unha demanda xusta das vítimas, dos familiares e do conxunto dos galegos que queren saber que pasou e que queren que, como consecuencia desta investigación, se tomen as medidas oportunas para que non volva a pasar.
De seguido, lembrou que o Grupo Popular xa propuxo o pasado 12 de xullo a aprobación polo Pleno dunha declaración institucional a través da que se solicitaba a apertura dunha investigación independente sobre o accidente de Angrois. Lamentablemente, esa declaración non saíu adiante como consecuencia do veto dos grupos parlamentarios de BNG, AGE e Mixto, sinalou.
Recentemente, a través do portavoz do Grupo Popular, propúxose de novo facer esta declaración conxunta, que incorpore as recomendacións da Eurocámara e que propoña a redacción dun novo informe técnico incontrovertido e incuestionable que aporte certezas e verdades ás vítimas e as súas familias, sinalou, e dirixíndose aos grupos da oposición indicou que aínda están a tempo de que fagamos esta declaración conxunta e de que quede clara unha proposta unánime deste Parlamento.
Fernández Prazo explicou que o Grupo Popular aceptou que por cuarta vez se debata neste Parlamento sobre a constitución dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, aínda que lembrou que este non é foro adecuado. En concreto, referiuse á doutrina xa asentada do Consello de Estado segundo a que os directivos da Administración do Estado non responden ante os parlamentos autonómicos, senón ante as cortes xerais, polo que esta comisión de investigación no Parlamento galego tería pouca capacidade para investigar este accidente.
No ámbito competencial, a Galicia correspondeulle socorrer ás vítimas, e o fixo dilixente e adecuadamente, e, como a totalidade dos galegos, estamos moi agradecidos ás persoas que traballaron e colaboraron nesta atención ás vítimas e aos seus familiares: persoal sanitario, de seguridade, de emerxencias, e mesmo os veciños, todos estiveron a altura e fixeron un traballo, mais que loable, subliñou.
O portavoz popular lembrou que o Regulamento do Parlamento recolle a posibilidade de que 25 deputados dun mesmo grupo parlamentario ou 30 de dous ou máis grupos parlamentarios pidan e aproben a apertura dunha comisión de investigación, polo que se os grupos da oposición queren abrir esta comisión poderían facelo sen os votos do Grupo Popular.
Fernández Prado recordou que o accidente está sendo investigado en instancias xudiciais, polo que as responsabilidades deberán ser dirimidas nese marco e as responsabilidades técnicas no marco das comisións técnicas e independentes correspondentes. E unha vez coñecida a investigación xudicial e as conclusións técnicas, será o momento de esixir, no seu caso, as responsabilidades políticas, sempre no foro adecuado, concretou.
Fotografía 1: Gabinete de Comunicación del BNG
Fotografía 2: Gabinete de Comunicación de En Marea