
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Fimoteca de Galicia) aborda a representación cinematográfica da represión e do exterminio a través dunha nova entrega da súa sección Contexto, que desta volta xirará arredor do premiado filme de László Nemes El hijo de Saúl. Xunto con esta produción húngara de 2015, gañadora do Oscar á mellor película en fala non inglesa, programaranse os documentais El nome de los árboles, do director asturiano Ramón Lluis Bande, e La imagen perdida, do cambodiano Rithy Panh.
O CGAI puxo en marcha este ciclo co obxectivo de confrontar destacados títulos actuais con outros clásicos ou contemporáneos desde diferentes puntos de vista, como o temático, o estilístico ou o ambiental. Neste caso, O fillo de Saúl dá pé a un novo contexto a partir da súa ollada pouco habitual sobre o campo de concentración de Auschwitz. A longametraxe foi tamén merecedora do gran premio do xurado e do Fipresci de Cannes e do Globo de Ouro á mellor película en fala non inglesa, ademais de recibir o recoñecemento da crítica e de profesionais como o francés Claude Lanzmann, director do célebre documental sobre o Holocausto Shoah.
El hijo de Saúl, que será proxectada en 35 mm, centrará o 11 de outubro a última das tres xornadas deste novo Contexto, que dará comezo mañá con El nome de los árboles. Neste documental de 2015 sobre a volta aos lugares da memoria, Ramón LLuis Bande acompaña as testemuñas da represión franquista en Asturias mentres comparten con el as súas lembranzas.
O 4 de outubro será a quenda de La imagen perdida, unha produción cambodiano-francesa premiada en 2013 na sección Un Certain Regard de Cannes. O seu director buscaba amosar as atrocidades da ditadura de Pol Pot no seu país, época durante a que desapareceu parte da súa propia familia. Ao non atopar ningunha imaxe real que puidera ilustrar este cruel período, Rithy Panh optou por unha proposta estética fóra do común, empregando figuras de plastilina e dioramas para narrar este pesadelo.
Os tres filmes proxectaranse na sede coruñesa do Centro Galego de Artes da Imaxe en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.