Noticias

La Universidade de Vigo (UDV) crea la Cátedra José Saramago con el archivo de su obra

La Universidade de Vigo y la Fundaçao José Saramago ponen oficialmente en marcha la I Cátedra Internacional José Saramago que arranca sus actividades con una base de datos sobre la obra del autor, un coloquio, la edición de un libro y unas jornadas divulgativas. La idea de esta iniciativa surge en el año 2014 y su objetivo es promover la cooperación científica, lingüística, educativa y cultural.

Nota de prensa de la Universidade de Vigo (UDV):

“A I Cátedra Internacional José Saramago pretende crear pensamento e levar á sociedade en xeral, portuguesa, galega e internacional, a discusión en temas esenciais e de afondamento no debate en torno aos grandes problemas nacionais e universais. Pretende contribuír ao desenvolvemento, para o fornecemento da cohesión social e para a xustiza, e para iso, fundaméntase na obra, na vida e no pensamento de José Saramago”. Con estes obxectivos, recollidos nos seus estatutos, presentouse na Universidade de Vigo a I Cátedra Internacional José Saramago. En tempos de recortes en humanidades, Pilar del Río, presidenta da Fundación José Saramago e viúva do escritor, salientou como é o momento de “loitar contra a indiferenza, o medo e a resignación”, tres vectores que Saramago identificou como característicos do noso tempo, “desde a cultura e desde a universidade”.

Pór en valor o pensamento de Saramago, pór en valor o humanismo
A cátedra foi presentada por representantes das institucións que son membros fundadores, a Universidade de Vigo e a Fundación José Saramago, e membros honoríficos, o Camões (Instituto da Cooperação e da Língua) e a Fundação Eng.º António de Almeida. A iniciativa, explicaron os seus promotores, bota a andar despois de que en 2014 xurdise a idea no seo do Grupo de Análise e Estudos da Literatura e da Tradutoloxía da Universidade de Vigo e trala sinatura o pasado ano dun convenio entre as entidades fundadoras. “A creación desta cátedra non puido acaer nun momento histórico máis oportuno”, recalcou o docente da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch, presidente da cátedra, salientando como se vén de celebrar o Día de Galicia e como este ano se conmemora o centenario das Irmandades da Fala. Lembrando a relación de Saramago con Galicia, a través da súa obra e en visitas ao longo da súa vida, Baltrusch subliñou como “todos e todas gañamos con esta cátedra”, tanto Saramago como Galicia, España e o mundo lusófono.

A cátedra, recalcou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, permitirá “pór en valor a obra e o pensamento deste autor” co obxectivo de “intentar recuperar o humanismo nas persoas” e ante a convicción de que “só ese humanismo nos permitirá ter futuro”. A cátedra nace na Universidade de Vigo, apuntou o reitor, aproveitando o papel de Vigo como punto de encontro e “lugar de maridaxe do mundo lusófono”. Neste senso, Pilar del Río sinalou como se aledaba de que fose “unha universidade nova”, como a Universidade de Vigo, a que puxese en marcha esta cátedra, “xa que son os novos os que son donos do presente e do futuro”.

A iniciativa, destacou pola súa banda Fernando Aguiar-Branco, presidente da Fundação Eng.º António de Almeida, permitirá “perdurar e divulgar a valía cultural e humanística de Saramago”. A cátedra, recalcou Filipa Soares, coordinadora para España do Ensino de Portugués do Instituto Camões, non só dará a coñecer a obra de José Saramago senón que levará a cabo un “traballo extenso” de divulgación e difusión da cultura portuguesa e do pensamento do escritor luso. Lembrando como o pensamento dos escritores é inmortal a través das súas publicacións, Soares subliñou como a obra de Saramago obriga aos lectores a saír da súa comodidade e a pensar permanentemente na súa identidade.

A presentación da cátedra realizouse despois dunha asemblea dos membros da cátedra na que se presentou a composición do seu primeiro comité executivo e o seu plan de acción para o segundo semestre do ano. Deste xeito, o comité executivo estará presidido por Burghard Baltrusch. Camiño Noia será a vicepresidenta e completarán o equipo Carlos Nogueira e Regina Carreira. Segundo explicou o presidente deste órgano, entre as primeiras accións da cátedra estarán a posta en marcha dunha base de datos de literatura crítica sobre a obra de Saramago, que completará e ampliará á realizada pola fundación dedicada ao Premio Nobel.

Outras das actividades prevista é a realización a principios de outubro dunha presentación da cátedra na Casa da Música, en Porto, coincidindo coa organización dun coloquio sobre Valter Hugo Mãe, gañador do Premio Saramago 2007. “As actuacións non se limitarán á obra do homenaxeado senón tamén á literatura actual”, recalcou Baltrusch. Por último, tendo en conta a data de nacemento de Saramago, o presidente da cátedra subliñou como en novembro se porán en marcha na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo unhas xornadas sobre o escritor luso que terán un carácter anual e nas que se buscará a implicación na organización e nos contidos non só dos docentes do centro senón tamén do alumnado. Como mostra desde desexo de implicar aos universitarios, o acto de presentación da I Cátedra Internacional José Saramago rematou coa lectura a cargo de dúas estudantes do centro de varios textos do escritor homenaxeado.

Estas serán as primeiras accións dunha cátedra que se constitúe como un espazo para a reflexión, o diálogo e a toma conxunta de acordos, co obxectivo de promover a cooperación científica, lingüística, educativa e cultural ao redor desta figura das letras universais e a través da investigación, da docencia e da divulgación social da súa obra e produción humanística. Entre os obxectivos desta iniciativa estarán o desenvolvemento de proxectos de divulgación social e de transferencia do coñecemento; a organización e a realización de todo tipo de actividades de divulgación e/ou difusión e promoción da figura e da obra de José Saramago, tales como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o apoio a docentes, investigadores e estudantes; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese en todo tipo de proxectos culturais e literarios; e a mobilidade de estudantes e de persoal docente e investigador.

R., 2016-07-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES