Noticias

Galicia, y Santiago de Compostela como ciudad invitada, programan en la Feria del Libro de Buenos Aires 150 actividades

La diversidad de formatos, el protagonismo del libro y el diálogo entre autores gallegos y argentinos centran la programación con la que Galicia proyecta el sector editorial en este evento de referencia internacional, que tiene como ciudad invitada a Santiago de Compostela. Una veintena de editoriales de Galicia exhibirán y comercializarán su producción en una de las citas culturales más relevantes de América Latina.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A cultura e a produción literaria galegas serán as protagonistas da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016 cun programa de preto de 150 actividades que difundirán o sector editorial de Galicia a través deste evento de referencia internacional. Coincidindo coa cuadraxésimo segunda edición da feira, que ten como cidade convidada a Santiago de Compostela, a capital arxentina acollerá do 21 de abril ao 9 de maio un programa de actividades amplo e diverso promovido pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, no que participarán algunhas das voces actuais máis representativas das letras galegas.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, presentaron hoxe en rolda de prensa un avance da programación, que se caracteriza polo protagonismo do libro galego a través de eventos moi diversos, pola difusión das voces da literatura e da cultura galegas en distintos escenarios da cidade e por unha aposta polos formatos dialogados entre as autoras e os autores galegos con destacadas voces arxentinas, que permitan conseguir o maior interese e impacto local.

Durante a súa intervención o conselleiro agradeceu a todas as institucións implicadas na organización desta programación o seu esforzo e dispoñibilidade á colaboración para “forxar este proxecto colectivo do conxunto da cultura de Galicia” que se presentará en Buenos Aires, a quinta provincia galega, “que tanto deu á nosa cultura desde á diáspora”.

Así mesmo salientou o protagonismo da capital de Galicia na feira como unha “oportunidade histórica” para amosar a forza e a profesionalidade do sector do libro eas súas potencialidades para medrar e desenvolverse en outros mercados, así como para a proxección e a visualización da cultura galega no seu conxunto nun espazo, Arxentina e América Latina, ao que Galicia está fondamente ligada cuns lazos que, tal e como explicou Román Rodríguez, “nos teñen permitido sacar adiante frutíferas alianzas no eido cultural”.

Este amplo volume de actividades literarias, que se canalizan nos máis diversos formatos, “permitirannos dar a coñecer a creatividade e a calidade do sector editorial galego actual no seu conxunto: dos nosos autores e das nosas autoras, dos editores, dos ilustradores, dos distribuidores”, afirmou Anxo Lorenzo, quen detallou as principais propostas programadas para converter o libro galego no protagonista da axenda cultural bonaerense durante as preto de tres semanas que dura a feira.

Coloquios arredor de diferentes temáticas, como a poesía escrita por mulleres, a novela negra en Galicia ou a tradución dos clásicos; numerosas presentacións de títulos da produción editorial galega actual, xunto con intervencións artísticas, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, obradoiros de ilustración e conferencias sobre ciencia, cultura galega, o ‘Códice Calixtino’, o Camiño de Santiago ou o audiovisual galego centran o programa, que tamén inclúe encontros cos lectores nas bibliotecas municipais e diálogos co alumnado.

Ademais da diversidade de formatos, o secretario xeral de Cultura destacou a multiplicidade de escenarios nos que se van desenvolver as actividades. Por unha banda, na feira, principalmente no stand de Galicia –situado nun lugar central e con 200 metros cadrados de superficie– e tamén en diversas salas do recinto feiral. Por outra, a cultura galega será protagonista en diferentes espazos emblemáticos da cidade porteña, como librerías, diversas bibliotecas municipais, os centros culturais General San Martín, Matienzo e Roberto Arlt; Usina del Arte, a Universidad de Ciencias Empresariais y Sociales e a Academia Argentina de Letras. Tamén albergarán unha parte da programación espazos xestionados pola colectividade, como a Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina, o Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e diversas casas e centros galegos da cidade.

En referencia ao diálogo entre a cultura galega e a arxentina, o secretario xeral recordou que este diálogo xa ten unha base histórica e que “agora temos a oportunidade de actualizar e de seguir enriquecendo”. Ademais, destacou esta concepción da programación para “favorecer a chegada das propostas galegas ao público arxentino, en particular, e latinoamericano, en xeral”. Para iso, diversas actividades contan coa participación de escritores, xornalistas, artistas e investigadores arxentinos, como Enrique Ferrari, María Esther Vázquez, José Luis Moure, Antonio Requeni, Roberto Alifano, Lola Arias, Nelly Espiño, Alejandro Vaccaro e Diego Golombek. Neste marco, institucións culturais de referencia no país, como a Academia Argentina de Letras, a Sociedad Argentina de Escritores, o Centro PEN Argentina e a Sociedad de Escritores y Escritoras de la Argentina, tamén toman parte na programación galega.

Con motivo deste diálogo entre autores e institucións das dúas beiras do Atlántico, a vinculación con Galicia de escritores arxentinos de referencia como Jorge Luis Borges –do que se cumpren tres décadas do seu pasamento–, o papel do galego Francisco Gil como precursor da Feira do Libro de Buenos Aires ou a traxectoria do poeta galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez son algúns dos temas que se abordan no programa.

Na programación tamén terán cabida figuras históricas como Eduardo Blanco-Amor, Ramón María del Valle-Inclán e Camilo José Cela, sobre os que se organizará cadansúa exposición a través da Editorial Galaxia, do Consello da Cultura Galega e mais da Fundación Pública Camilo José Cela, respectivamente. As propostas expositivas complétanse coa mostra ‘Santiago, cidade ilustrada’ e coa exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que levará a Buenos Aires a obra do fotógrafo de Allariz despois do verán.

O libro galego vai chegar a Buenos Aires non só a través da escrita, senón tamén doutra das formas de difusión da literatura, como é a cinematografía. Os títulos máis recentes da creación audiovisual galega, e particularmente aquelas cintas baseadas en obras literarias galegas de referencia, van estar en Buenos Aires, nun ciclo organizado pola Agadic que se desenvolverá nun cine comercial da cidade, paralelamente á celebración da feira.

Autores e autoras dos diferentes ámbitos da escrita, desde a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, a ilustración, a divulgación científica e a gastronomía, estarán presentes na programación. Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Teresa Moure, José Edelstein e Jorge Mira participarán nas actividades programadas na capital arxentina para promover o libro galego e dar a coñecer a súa obra no marco dun espazo único de intercambio entre os diferentes actores da industria editorial internacional.

Durante a rolda de prensa tamén se presentou un novo material para difundir o protagonismo do libro e da cultura galega en Buenos Aires, un vídeo promocional dos escritores e escritoras galegos que está accesible en www.cultura.gal/librogalegobaires16, na web de Cultura da Xunta de Galicia.

Canda os autores e autoras, participarán na feira diversas editoriais galegas, que terán ocasión de establecer contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo, así como de asistir ás xornadas profesionais que se realizan previamente á inauguración do evento, no que constitúe o maior encontro da industria editorial en América do Sur.

O stand de Galicia contará na feira cun espazo central de 200 m2, coordinado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Santiago e coa Asociación Galega de Editores (AGE), e no que tamén estará representado o Instituto Argentino de Cultura Gallega. Ademais de servir de escenario para eventos, este espazo será o grande escaparate da produción editorial galega actual, coa exhibición dunha ampla mostra das publicacións máis recentes editadas por preto de 30 editoriais e institucións galegas.

A cultura galega e a súa literatura estiveron presentes na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires nas súas máis de corenta edicións. Promovido pola Fundación El Libro. Este evento de referencia internacional no ámbito editorial incorporou hai catro anos a figura de “cidade invitada”, distinción da que gozaron ata agora Ámsterdam, São Paulo e mais Ciudad de México.

Situada no barrio de Palermo, en La Rural, e cunha superficie que ocupa máis de 45.000 metros cadrados, a feira vén contando cun público que supera o millón de persoas durante as súas tres semanas de duración e con máis de 12.000 profesionais do sector editorial.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

R., 2016-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (escolarizacion.jpg) Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e mantense por riba do 60%, máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Esta porcentaxe sitúa á nosa comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.
Foto de la tercera plana (sergas-camas.jpg) Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde. Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña administraba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago de Compostela en pacientes pediátricos.

Notas

Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future. Baixo este lema o CINBIO celebrará o vindeiro mes de xullo o seu oitavo Annual Meeting, renovando o seu firme propósito por visibilizar as ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en química, física, bioloxía, medicina, nanotecnoloxía e saúde.
Especialistas do Grupo Iacobus da USC abordarán do 21 ao 22 de maio a análise de diversas obras seleccionadas entre os numerosos bens culturais que conserva o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A finalidade deste foro que leva por título 'Tempo de arte. Obras de museo III' é poñer en valor a súa colección e difundila á cidadanía a través deste curso monográfico coordinado por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da USC, e Marcos Calles, director do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES