
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou en Lugo que as posibles modificacións das claves de reparto das cotas do sector do cerco ten que basearse nun consenso do conxunto de todo o sector. Con imposicións non se vai a ningún sitio. As regras de xogo non se poden cambiar a punto de terminar un partido. Hai un consenso entre todos os representantes do sector de todas as comunidades autónomas e unhas regras do xogo postas que hai que respectar, subliñou.
A titular de Mar apelou ao sentido común e defendeu que en xeral os pescadores galegos nunca estableceron diferencia entre os uns e outros e están todos dispostos a sentarse e ver como é a mellor xestión desta pesquería. Sinalou ademais que os resultados deste ano acreditan que se está facendo un bo aproveitamento das cotas de pesca.
Por iso lamentou que algúns representantes do cerco sinalen que esgotaron a cota e que rexeiten as 500 toneladas de novas posibilidades de pesca que conseguiu de maneira excepcional a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Tamén lamentou que rexeitasen a posibilidade que lle ofreceu por escrito o Secretario General de Pesca de sentar a todas as partes unha vez que finalice a campaña para facer unha análise do plan de xestión que está en vigor neste momento.
Por outra banda, destacou que os datos constatan que este ano os resultados económicos da frota do cerco son mellores que os do ano 2012. Neste sentido, explicou que hai algúns barcos de Acerga que no 2012 facturaron 60.000 e 90.000 euros e que a día de hoxe están facturando máis de 600.000 euros.
Ademais lembrou que cos argumentos que os gobernos autonómico e estatal levan aportado á Unión Europea conseguiuse dende 2009 un incremento do 52% nas cotas das especies obxectivo do sector do cerco. A isto hai que engadir, dixo, que a proposta que fai a Comisión Europea para as posibilidades de pesca do ano que vén inclúe un incremento do 27% na cota de xurelo para a zona VIII c , é dicir a zona da Mariña, e dun 15% para a zona de Fisterra cara ao sur. Neste sentido, destacou que dende a Xunta se seguirá traballando nesa liña, a de intentar convencer con argumentos á UE para conseguir cada día máis posibilidades de pesca.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.