Notas de prensa

A fase de selección asegura a calidade de Santiago(é)Tapas do 12 ao 29 de novembro

Os clientes decidirán que petiscos son os seus preferidos, votando cos pousavaos nas urnas situadas nos establecementos participantes e, a través da interacción nas redes sociais Twitter e Facebook, os internautas poderán optar a ser parte do xurado do concurso. O Santiago(é)Tapas vivirá unha presentación moi especial no vagón comedor do Alvia e "Tapas de Cine" conecta con Cineuropa.

O certame Santiago(é)Tapas volverá dinamizar a gastronomía da capital de Galicia entre o 12 e o 29 de novembro, con máis de 65 establecementos participantes nun evento que chega á súa oitava edición. Xa se está a celebrar a fase de preselección, que determinará o número total de concursantes. Un xurado é o encargado de asegurar a calidade e máis a adecuación aos criterios do evento dos petiscos presentados.

Unha rolda de prensa na que participou a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e que se desenvolveu na sede de Hostalería Compostela serviu para avanzar as liñas xerais do concurso. Participaron tamén José Antonio Riveiro, presidente do colectivo na súa área de restauración; María Sande, directora de Marketing de Coca Cola Iberian Partners Galicia; Guillermo Fernández, delegado de Hijos de Rivera; Ángel Otero, presidente de Cash Record; e Miguel Ángel Viso, presidente do CRDO Ribeiro.

Cómpre salientar que numerosos establecementos se apuntaron por vez primeira á fase de selección, o que anticipa que moitos deles estrearanse no certame. Cada local pode presentar ata 3 creacións, que terán un prezo común de 2 euros.

Os clientes decidirán que petiscos son os seus preferidos, votando cos pousavaos nas urnas situadas nos establecementos participantes, e poderán aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a pequena "biblia" do concurso. Unha versión "express" do tapasporte está especialmente deseñada para os visitantes que permanecen menos tempo na cidade.

Ademais, a través da interacción nas redes sociais Twitter e Facebook, os internautas poderán optar a ser parte do xurado do concurso.

Pola súa banda, continúa aberto o período de inscrición ao Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalaría nocturna que ofrece creacións novidosas con prezos especiais aos que amosen o seu tapasporte.

O certame Santiago(é)Tapas é unha ocasión para percorrer cinco distintas (é)tapas pola cidade, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura, na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.

Na edición do 2014 do Santiago(é)Tapas servíronse 31.000 petiscos a 2 euros. Esta cifra coloca nas 203.000 as tapas consumidas nos sete anos previos do certame.

O Santiago(é)Tapas vivirá unha presentación moi especial no vagón comedor do Alvia que efectúa o percorrido Madrid-Compostela o día 10 de novembro en Madrid, no que se degustarán petiscos. Será unha nova oportunidade para divulgar a oferta gastronómica santiaguesa.

Esta presentación será conxunta co festival Cineuropa, xuntando así as dúas citas que coinciden en novembro en Compostela e afondando na súa colaboración e promoción baixo a denominación Tapas do Cine.

Ademais, e dentro dun acordo de colaboración con Renfe, os visitantes que se acheguen a Compostela en Alvia - Larga Distancia por mor do evento poderán gozar dun desconto dun 30% no prezo dos seus billetes entre os días 17 e 25 de novembro.

Santiago(é)Tapas está coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. Conta co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cash Record, Estrella Galicia e Coca Cola.

Máis información: http://www.santiagoetapas.com/

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2015-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES