
A Xunta de Galicia vén de galardoar cinco proxectos empresariais deseñados por alumnos e alumnas de Formación Profesional, no marco do Eduemprende Idea 2015, unha iniciativa posta en marcha polas Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, co fin de impulsar e apoiar o espírito emprendedor entre o estudantado galego. A entrega dos galardóns tivo lugar nun acto que presidiu o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que estivo acompañado do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e de representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Na súa intervención, Román Rodríguez salientou non só a creatividade do alumnado á hora de deseñar os seus proxectos, senón tamén a viabilidade dos mesmos desde o punto de vista técnico, legal, económico, comercial e financeiro. A innovación é a clave do futuro e as persoas, o talento e as ideas son o máis importante, destacou o conselleiro, quen subliñou tamén a necesidade de que as ideas e a creatividade se convertan en proxectos reais. Neste salto da idea á realidade, a administración ten a responsabilidade de axudar, de que a idea xermine, abondou o titular do departamento educativo da Xunta.
Cinco anos en funcionamento
Nesta liña, o conselleiro referiuse ao Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende), que en 2010 puxo en marcha a Consellería de Cultura e Educación en colaboración co Igape, co obxectivo estratéxico da implantación da cultura emprendedora entre a comunidade educativa a través de catro eixos: o apoio ao alumnado, a posta en marcha de proxectos empresariais viables e a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, e a coordinación e aproveitamento de iniciativas. Deste xeito, Román Rodríguez salientou que hoxe a FP é unha modalidade de ensino tremendamente prestixiada e con capacidade para sacar adiante proxectos adaptados aos tempos, así como para ofrecer nichos de mercado, como demostran os proxectos que aquí acaban de expoñerse.
Os premios van dirixidos a alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas e de artes plásticas e deseño de centros públicos galegos. Nesta edición falláronse tres proxectos na modalidade de ciclos de grao superior e outros dous correspondentes a alumnado de ciclos de grao medio.
Proxectos galardoados en grao superior
Na modalidade de grao superior, o primeiro premio (dotado con 3.000 euros) recaeu no proxecto denominado Granxa intelixente, realizado por catro alumnos do IES Politécnico de Vigo. Trátase dunha cooperativa centrada no ámbito agropecuario que, a través dun modelo baseado na Industria 4.0, obtén un alto grao de automatización e dixitalización dos procesos desenvoltos nas explotacións agrícolas e gandeiras, convertíndoas en Smart Farming.
O segundo premio (con 2.000 euros) foi para un alumno do IES 12 de Outubro (Ourense) e outro do CIFP A Farixa (Ourense), por Inercia 2.0 S.L., unha empresa pioneira no deseño e fabricación de todo tipo de vehículos de inercia, dirixidos ao público en xeral, pero tamén á competición.
O terceiro premio foi para dous alumnos do IES San Clemente (Santiago), que recibiron 1.000 euros polo proxecto Eternal 2.0. Un recordo para toda a vida, unha iniciativa que vén a introducir a aplicación directa das novas tecnoloxías nos servizos funerarios, plataforma on-line de condolencias ou códigos QR nas lápidas, son algunhas das innovacións deste proxecto.
Premiados en grao medio
Na modalidade de grao medio, foron escollidos dous proxectos. O primeiro premio (3.000 euros) recaeu no proxecto Ecosalón, desenvolvido por tres alumnas do CIFP Someso (A Coruña), que introducen un novo concepto de espazo global unisex urbano, no que se unen os coidados estéticos, de beleza e de relaxación, baixo o denominador do uso exclusivo de produtos ecolóxicos.
Finalmente o segundo premio nesta modalidade (dotado con 2.000 euros) foi para dous alumnos do IES Terra de Turonio (Gondomar), por Bai aventura, unha empresa de turismo activo cun servizo integral de actividades de aventura mar-montaña.
Estes premios levan consigo a incorporación ás instalacións e servizos da Rede de viveiros de empresa en centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o acceso ao asesoramento técnico do persoal do IGAPE, así como a dotación económica, xa mencionada.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.