
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Senén Barro Ameneiro, catedrático no Departamento de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Matemáticas e Física do Cosmos. A súa completa a rolda de incorporacións á institución neste ano, no que entraron seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento.
O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titúlase Poden pensar as máquinas?. Logo de pronuncialo, recibirá a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma seralle entregado polo reitor da USC, Juan Viaño.
Ao acto asisten, entre outros, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a valedora do Pobo, Milagros Otero; e o director xeral de Banco Santander e director global de Santander Universidades, José Antonio Villasante.
Senén Barro é catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial desde 1995. Foi director do Departamento de Electrónica e Computación da USC desde 1993 até xuño de 2002 e reitor entre 2002 e 2010, etapa na que promoveu a internacionalización e a aposta emprendedora da USC, conseguíndose o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional para o proxecto do Campus Vida na primeira convocatoria deste tipo en España, celebrada en 2009. Desde maio de 2008 é presidente de RedEmprendia, a Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas, que conta con 20 universidades iberoamericanas asociadas, ademais do portal Universia e o Banco Santander.
Fundou e dirixe o Grupo de Sistemas Intelixentes, que conta na actualidade con 40 membros e, de acordo co seu nivel de publicacións científicas, é o primeiro grupo de Intelixencia Artificial de Galicia e un dos primeiros de España. É investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación internacionais, nacionais e autonómicos. Realizou estancias de investigación no Departamento de Informática Médica do Royal Free Hospital en Londres (Reino Unido); no Departamento de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Maryland (EE.UU.); nos Departamentos de Enxeñaría e Ciencias da Computación das Universidades de South Florida e California (EE.UU.); e no Departamento de Enxeñaría Matemática da Universidade de Bristol (Reino Unido).
Impartiu numerosas conferencias tanto en España como no estranxeiro e participou nun gran número de congresos nacionais e internacionais como membro de comités de organización e científicos. Foi organizador ou coorganizador de varios congresos, ciclos de conferencias e cursos de verán.
Presidiu o grupo de TIC da Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) desde xuño de 2003 até outubro de 2005. Incorporouse ao Comité Permanente da CRUE en maio de 2005 e en maio de 2008 foi nomeado vicepresidente da entidade, cargo que ostentou até xuño de 2010.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.