
O obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia; a ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada e a pontevedresa Viviana Araújo, experta en tocados, sombreiros e outros complementos, son os finalistas do Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros e que ten por obxectivo recoñecer a obra que mellor representa á artesanía competitiva e que conxuga os valores tradicionais do sector coas novas tendencias.
Ademais desta categoría, dotada con 6.000 euros, os Premios Artesanía de Galicia 2014, que teñen por obxectivo recoñecer o labor creativo e a traxectoria dos artesáns galegos, ao tempo que se contribúe a impulsar o relevo xeracional e o desenvolvemento do talento no sector, contan con outras dúas categorías: o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros e coa que se apoiará a formación do gañador nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño. Os gañadores en cada unha destas categorías daranse a coñecer nun acto público que se celebrará nas próximas semanas.
O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez e como vogais participaron Marta López, subdirectora xeral de Comercio, así como os expertos Covadonga Carrasco, arquitecta fundadora do estudio CREUSeCARRASCO; Pablo Velasco, responsable da Cátedra Fundesarte na Fundación EOI; Jaime Sevilla, socio da empresa peSeta e Félix Sanz Sastre, director do Centro Rexional de Artesanía de Castela e León (Cearcal). Como secretaria con voz pero sen voto participou a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.
As tres obras finalistas na categoría Premio Artesanía de Galicia foron escollidas por unanimidade. Viviana Araújo, que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, presentou a peza con lema Luscofusco. O xurado destaca a calidade técnica e o proceso de elaboración deste corpiño singular e único, que incide tamén na renovación dos oficios como a plumería e o acceso a novos mercados.
Pola súa banda o obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia participa coa peza con lema Origami. O coidado deseño, a calidade e a incorporación das novas tecnoloxías no proceso de elaboración desta colección son as razóns que o xurado expón para seleccionar esta colección de Ardentia como finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2014. Este obradoiro de xoiaría, con mais de 27 anos de vida e presentes en mais de vinte países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume cun marcado carácter diferenciador.
A viguesa Marta Armada presentou a peza con lema Sin lastre. A adaptación ás novas tendencias, a innovación, o deseño e a calidade tanto dos materiais empregados como na execución da obra son as razóns que levan ao xurado a nomear finalista esta candidatura. O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias e nos amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que nos remiten os seus traballos.
A convocatoria dos Premios de Artesanía de Galicia por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.