
A sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña ofrece o sábado 26 de setembro por vez primeira a restauración do 'Noticiario Folk nº 1', dos irmáns Enrique e Ramón Barreiro, na que será a primeira proxección dun ciclo dedicado ao labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual que vén desenvolvendo a filmoteca galega desde a súa orixe.
Xunto co cinema pioneiro dos irmáns Barreiro, este especial que se estenderá durante un total de nove sesións ata o 22 de outubro achegaranos o noticiario sobre Vigo realizado por José Gil arredor de 1928 e os programas de 'Galicia al Día' (1959), a partir do material rodado durante varios anos por Armado Hermida Luaces e cuxa restauración foi levada a termo polo CGAI nos últimos meses.
A sesión de mañá arrancará ás 18.00 horas coa exhibición da tamén recente restauración do 'Noticiario Folk nº 1', coñecido así mesmo como 'Noticiario Folk 1932', da que xa se ofreceu un avance o pasado mes de febreiro no Museo de Pontevedra como parte do programa Cine recuperado. Os irmáns Barreiro: Pontevedra 1932-1934.
Costumismo e actualidade
Estreada en 1932 no Teatro Principal de Pontevedra, esta peza muda é a ópera prima da produtora pontevedresa Folk, proxecto á fronte do que se situou Enrique Barreiro como director técnico e no que o seu irmán Ramón traballou como cámara e realizador. Este último foi precisamente o encargado de rodar a ducia de reportaxes sobre acontecementos de actualidade e escenas costumistas que conforman o noticiario: El Nuncio de S.S. en Galicia, El presidente del Consejo y el Ministro de la Gobernación en Galicia, La playa de Compostela en Villagarcía, La elección de Miss Galicia en Vigo, Concurso de natación celebrado en Vigo, Campeonato de tiro de pichón en Lugo, Atletismo en Pontevedra, Desfile de atletas en la plaza de toros, Pesca de pulpo en Galicia, Partido de foot-ball Deportivo-Eiriña en La Coruña, Actualidad política en Pontevedra e Monasterio de Armenteira, de acordo cos seus títulos orixinais.
Esta sesión incluirá outros dous noticiarios coetáneos, xa exhibidos no CGAI en anteriores ocasións. Trátase do 'Noticiario de Vigo' de José Gil, autor así mesmo de 'Miss Ledya', considerado o primeiro filme galego de ficción; e de El recibimiento de Vigo a su Excelencia el Presidente de la República', tamén producido por Folk e primeira fita sonora da que se ten constancia en Galicia. Nela recóllese a visita que o primeiro presidente da Segunda República, Niceto Alcalá Zamora, realizou a Vigo, Moaña e Bueu.
A segunda parte do ciclo centrarase noutra das restauracións rematadas nos últimos meses polo equipo do Centro Galego das Artes da Imaxe. 'Galicia al día' é unha obra de Armando Hermida Luaces, filmada por este emigrante galego en Arxentina ao longo da segunda metade dos anos cincuenta. Debido á súa longa duración, o CGAI dividirá a súa exhibición en catro programas, cada un deles dedicado a unha provincia, seguindo así a estrutura marcada polo propio autor: 'La Coruña al día' (venres 9 de outubro, 18.00 e 20.30 horas), 'Lugo al día' (13 e 20 de outubro, ás 18.00 horas), 'Orense al día' (14 e 21 de outubro, 18.00 h) e 'Pontevedra al día' (15 e 22 de outubro, 18.00 h).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.