
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este mércores no Salón de Plenos a programación oficial do San Froilán 2015, que terá lugar do 3 ao 12 de outubro, unha cita moi especial e importante para nosa cidade, tal e como a definiu a rexedora.
O San Froilán 2015 engloba máis de 200 actividades en total para todos os públicos durante os 10 días que duran estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, avanzou Méndez, quen lembrou que o San Froilán pon en valor a riqueza patrimonial, histórica e gastronómica da cidade e sitúa a Lugo no mapa turístico autonómico, nacional e internacional.
Máis de 50 actuacións teñen denominación de orixe Lugo, destacou Lara Méndez, ao tempo que anunciou que o Concello impulsará o Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade, con actividades como o concerto Músicas no camiño dos cantaurotres David Prado e Vizcaíno, os cantares de cego do Mercado Medieval, ou a estrea do vídeo mapping O camiño de Froilán. A rexedora tamén fixo fincapé nas mulleres como protagonistas desta nova edición do San Froilán ao tempo que destacou a labor do pregoeiro, Darío Xohán Cabana.
A Alcaldesa aproveitou a ocasión para convidar aos lucenses e visitantes a gozar da cidade durante o San Froilán, que o pasado ano reuníu en Lugo a máis de 550.000 persoas durante os 9 días que duraron estes festexos.
Pola súa banda, Carmen Basadre insistiu na música tradicional galega como banda sonora deste San Froilán, que inclúe unha homenaxe a Trapero Pardo con motivo do 20º aniversario do seu pasamento.
A Concelleira, quen fixo un recorrido pola programación destas festas de marcado caráter cultural, anunciou descontos nos buses de Alsa para viaxar a Lugo do 1 ao 14 de setembro, así como a presenza dun intérprete de linguaxe de signos en actos como a ofrenda a Rosalía ou o pregón, entre outros.
Máis información do San Froilán 2015 na web www.sanfroilan.info
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.