Notas de prensa

Xa é posible acreditar en galego a peregrinación a Compostela

O conselleiro de Cultura e Educación e o deán da Catedral de Santiago presentaron a versión galega da Credencial do peregrino e do Certificado de distancia do Camiño de Santiago, cuxa tradución e edición realizou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, presentaron a nova versión galega de dous documentos mediante os que os viaxeiros que fan o Camiño acreditan a súa peregrinación a Compostela: a Credencial do peregrino e o Certificado de distancia. Fixérono no salón de actos da Casa do Deán, a escasos metros das oficinas onde se recibe aos milleiros de peregrinos e peregrinas que chegan cada ano a Santiago e onde se lles entregan os documentos que certifican os pasos dados para chegar ao sepulcro do Apóstolo.

O conselleiro sinalou a importancia de facer presente o galego en absolutamente todos os ámbitos da vida e valorou o poder contar coa colaboración dos implicados en cada un deses sectores para “abrir camiños para a lingua galega e chegar a onde a Xunta de Galicia soa non podería chegar”, razón pola que agradeceu a boa disposición do cabido catedralicio. Rodríguez destacou a importancia dos dous documentos que se presentaban para avanzar na extensión do galego no ámbito das crenzas relixiosas e, así mesmo, para difundir a nosa lingua e cultura entre as persoas de todas as partes do mundo que nos visitan.

No acto de presentación da Credencial do peregrino e do Certificado de distancia o conselleiro estivo acompañado polo deán da catedral de Santiago, Segundo Pérez; e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García..

Pasaporte peregrino

A Credencial ou Pasaporte do peregrino é un documento que os viaxeiros deben ir selando en cada etapa do Camiño para certificaren o seu paso polas distintas etapas, de maneira que ao chegaren á meta poidan recibir a ansiada Compostela. Herdeira dos documentos que os peregrinos medievais empregaban como salvoconduto, a credencial oficial aceptada pola Oficina de Peregrinacións da Diocese de Santiago pódese conseguir solicitándoa persoalmente na Oficina de Acollida ao Peregrino ou noutras institucións autorizadas pola Catedral de Santiago, tales como parroquias, asociacións de amigos do Camiño de Santiago, albergues, confrarías, etc.

Acreditación do camiño percorrido

Desde o pasado ano, os camiñantes que chegan a Santiago poden certificar a súa viaxe con dous documentos: a tradicional Compostela –que só se outorga en latín- e o novo Certificado de distancia, que hoxe se presentou na súa versión galega. O certificado de distancia responde ao desexo dos peregrinos de contaren cunha certificación que recolla os detalles da súa viaxe, tales como o día e punto de inicio, os quilómetros percorridos, o día de chegada e a rota pola que se transitou. É posible solicitala na Oficina do Peregrino para peregrinacións realizadas con anterioridade á súa creación.

Colaboración para a normalización

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con diferentes entidades e axentes sociais na promoción da lingua galega en distintos ámbitos. Entre esas entidades está a Igrexa Católica, á que se apoia desde hai anos na tradución de materiais para a catequese e para o culto. A colaboración entre ambas as institucións segue as directrices do Plan xeral de normalización da lingua galega para a área de “Crenzas relixiosas” do sector “Sociedade”.

En todo caso, e dada a importancia turística e a proxección internacional do Camiño de Santiago, a tradución da Credencial do peregrino e do Certificado de distancia inciden tamén noutros espazos, como o da industria, o da proxección internacional ou o do lecer.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES