Notas de prensa

AGE propón un plan alternativo en modelo europeo que aposta pola vivenda social en réxime de alugueiro

O deputado Antón Sánchez considera que “a violación do dereito constitucional á vivenda non se soluciona con medidas propagandísticas como as de Feijóo”. A proposta que defende AGE sitúase no esteiro da maioría de países europeos. Critican as medidas presentadas polo titular da Xunta e as califican de "propagandísticas".

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que “as medidas propagandísticas de Alberto Núñez Feijóo” para afrontar o problema dos desafiuzamentos, como a entrega de 150 euros durante dous anos ás familias en risco anunciada a semana pasada, “non solucionan a violación reiterada do dereito constitucional á vivenda”. É por iso que o grupo parlamentario, a través do seu deputado Antón Sánchez, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria –pnl, no documento anexo- en que reclama a elaboración dun ambicioso plan “que aposte con clareza pola vivenda social en réxime de alugueiro”.

A proposta que defende AGE sitúase no esteiro da maioría de países europeos. “No Estado español, a dotación de vivenda social en alugueiro é dun 1%. A media europea chega ao 18%”, explica Sánchez. En Alemaña acada o 57% do mercado de alugueiro, en Holanda o 47% e no Reino Unido o 20%. “Hai unha marxe moi ampla para elaborar un plan de vivenda galego que faga medrar a oferta de vivendas sociais en réxime de alugueiro”, engade, “de xeito estábel e duradeiro, non de maneira provisional, e con un orzamento axustado a ese obxectivo”.

Porque as medidas anunciadas pola Xunta no pasado Consello apenas son máis que “parches” que conciben o problema da vivenda “como unha cuestión conxuntural”. Pero a realidade, sinala Antón Sánchez, é que se trata dunha “eiva estrutural dun modelo que entende a vivenda como ben de investimento e non como un dereito humano”. “Será difícil que o mesmo Partido Popular que contribuíu decisivamente desde as institucións a inchar a burbulla inmobiliaria dos noventa e primeiros dous mil da agora solucións de fondo a unha problemática estrutural”, afirma.

Para proba, a maiores, do fracaso do tipo de políticas que prefire o PP de Feijóo, o parlamentario de Alternativa lembra plans absolutamente falidos como o chamado Realoxa. “Este programa da Xunta só realoxou 43 familias en dous anos. Nese mesmo período houbo 1.500 despexos de vivendas habituais”.

Experiencias semellantes á que agora que levar adiante o Goberno galego indican tamén que este tipo de medidas é absorbido polo mercado, que o fai repercutir nunha “suba xeral” do prezo do alugueiro. “Os propios beneficiados por estas axudas puntuais seguirán, nun futuro próximo, a ter problema de pagamentos”, di o deputado. Todo cando, ademais, o orzamento en materia de vivenda foi drasticamente retallado por Feijóo. “E o que é peor, fica nun baixo grao de execución, consecuencia do fracaso dos seus plans, programas e políticas”.

“Afrontar con minimedidas de propaganda, puramente cosméticas, o grave incumprimento do dereito constitucional á vivenda”, conclúe Antón Sánchez, “é tan inútil como pretender solucionar o problema dos incendios forestais facendo unha foto para os xornais cunha mangueira”.

Gabinete de Comunicación de AGE, 2015-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES