O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, entrevistouse co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, para avanzar na organización e detalles da segunda edición do Buenos Aires celebra Galicia.
Trátase do segundo ano consecutivo en que a capital arxentina acollerá no vindeiro mes de outubro- esta cita de carácter social, cultural e lúdico, que acadou unha presenza de público e participantes sen precedentes o pasado ano, éxito que colleu por sorpresa ás propias colectividades galegas organizadoras e mais tamén ás autoridades locais bonaerenses.
De feito, as colectividades galegas organizadoras do evento redobran esforzos nesta segunda ocasión, para dar a coñecer a Galicia actual e moderna entre os seus veciños e veciñas da metrópole arxentina, e potenciar a excelente imaxe proxectada o ano precedente, nun labor cotián que caracteriza a diáspora galega en Arxentina e en todo o mundo. Rodríguez Miranda dicía hoxe que o Presidente Feijóo lembra con frecuencia que os nosos emigrantes son os mellores embaixadores de Galicia. E eu quero hoxe gabar a ilusión e fortaleza coa que estades a enfrontar esta segunda edición, nova proba da capacidade da diáspora galega por traballar unida no obxectivo común do amor pola nosa terra.
O secretario xeral da Emigración puido nesta primeira xornada de viaxe compartir con estas colectividades galegas na Arxentina unha nova xuntanza preparatoria do Bos Aires celebra Galicia, centrada nesta ocasión na mellor distribución das estruturas físicas de apoio loxístico á celebración, reunión que ten lugar no Centro Lalín, Agolada e Silleda en Bos Aires, Social, Cultural e Recreativo. Precisamente, a Xunta ten avanzado a súa implicación activa na celebración coa presenza de novo na capital arxentina da área expositiva Galicia, Pórtico Universal.
Conecta
Rodríguez Miranda completa a súa xornada na metrópole bonaerense con outra xuntanza, a de coordinación previa do programa Conecta con Galicia, á que asisten unhas 200 persoas na Escola de Hostalaría do Centro Galicia. Mediante esta iniciativa, Emigración colabora para que cada ano mozas e mozos descendentes de galegos na diáspora podan coñecer persoalmente a Galicia actual e moderna, como mecanismo para favorecer o coñecemento da Galicia territorial, e por tanto fomentar a súa vinculación e arraigo, das xeracións novas de galegos xa nados no Exterior. Desta maneira, a mocidade na diáspora serve de cadea de transmisión dos tesouros turísticos, culturais e sociais da nosa terra entre a súa contorna, e mediante a propia experiencia persoal, de xeito que se provoca un efecto multiplicador directo da presenza e influenza reais de Galicia no Exterior.
Conecta con Galicia, iniciativa que se desenvolve en dúas modalidades (unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo), fai posible a convivencia de 200 descendentes de galegos con mozas e mozos residentes na Comunidade Autónoma, e neste ano 2015 aumenta un 52% o número de prazas convocadas. Téñense adiantado ademais os prazos de convocatoria e resolución, para facer máis áxil a xestión aos beneficiarios, de maneira que a planificación da viaxe sexa máis eficaz.
Hoxe, no Uruguai
Miranda achégase nesta xornada de venres ata Montevideo, onde será recibido polo embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela. Trasladaranse ambos ata o Fogar Español de Anciáns de Montevideo, lugar no que se asinará o convenio de colaboración en materia socioasistencial entre a Xunta e mais esta entidade.
Máis tarde, o secretario xeral asiste a unha nova xuntanza preparatoria do Conecta con Galicia, e a outra reunión de traballo entre representantes do dominio .gal e centros da colectividade galega, precisamente impulsores deste dominio na internet. Miranda concluirá esta nova viaxe compartindo a celebración de San Xoán coa colectividade galega na propia Casa de Galicia onde terán lugar estas dúas reunións-, e posteriormente nun evento social e lúdico organizado polo Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.