Notas de prensa

Máis de 300 xóvenes galegos participan en Correspondentes 3.0

Os correspondentes son mediadores ou axentes de información xuvenil entre iguais. Esta acreditación de educación non formal é un valor engadido para o currículo, que cada vez se valora máis en Europa. Os participantes no programa Correspondentes Xuvenís 3.0 reciben semanalmente un boletín informativo e un certificado.

Un total de 80 mozos e mozas de 22 centros educativos de Galicia participan no Complexo Xuvenil As Mariñas de Gandarío nunha xuntanza de confraternidade do programa Correspondentes Xuvenís 3.0 da Consellería de Traballo e Benestar.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes nesta xuntanza e entregoulles un certificado que acredita que estiveron como voluntarios xuvenís realizando as tarefas de correspondentes. Esta acreditación de educación non formal é un valor engadido para o seu currículo, que cada vez se valora máis en Europa, tal e como sinalou Vázquez.

A responsable da área de Xuventude destacou, ademais, que o modelo de correspondentes permite descentralizar a información xuvenil para achegala aos mozos e mozas dun xeito máis directo a través dos seus propios compañeiros, e que o obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é o de trasladar este programa a outras cidades e vilas.

Neste curso escolar participaron 362 correspondentes xuvenís, distribuídos entre 75 institutos de Galicia e as tres residencias xuvenís dependentes de Xuventude.

Vázquez agradeceu o traballo desenvolvido neste último curso escolar e os animou tanto a seguir liderando a difusión da información xuvenil, como tamén a detectar e trasladar á administración as demandas e necesidades dos mozos e mozas do seu instituto.

Os alumnos e alumnas participantes neste encontro son dos seguintes institutos: de Santiago, o IES de Sar; Eduardo Pondal; Antón Fraguas; Xelmírez; e o colexio Cluny; o IES Saturnino Montojo de Ferrol; o IES Colmeiro de Silleda; o IES Basanta Silva de Vilalba; os institutos Montecarrasco; Casa da Virxe; e Rodeira de Cangas; os IES Fernando Wirtz; Adormideras; Salvador de Madariaga; e Eusebio da Guarda; o IES A Pinguela de Monforte; os IES San Tomé do Freixeiro; e Manuel Antonio de Vigo; o IES de Poio; o IES Francisco Aguiar de Betanzos; o IES Luis Seoane de Pontevedra; e o CIFP A Farixa de Ourense.

O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 púxose en marcha o curso pasado de maneira experimental, e ten como principal obxectivo difundir a información xuvenil, a través de iguais, entre os estudantes dos institutos de secundaria.

Os correspondentes reciben semanalmente un boletín informativo que se elabora no centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como folletos e outro material de interese. A través de diferentes medios, como un taboleiro no propio instituto, blogs e redes sociais, o correspondente difunde a información entre os seus compañeiros do instituto.

O boletín contén todos aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas, como becas e axudas, ofertas de traballo, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís, ocio e tempo libre.

Así mesmo, eles difunden a información que xera o propio centro (certames, concursos, viaxes...) o que lle dá visibilidade ás actuacións do instituto e poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís.

En definitiva, os correspondentes son realmente uns mediadores ou axentes de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida da información por parte dos compañeiros, ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto quen o informa.

Para rematar, a directora xeral animou aos participantes para que continuasen no próximo curso neste programa e animasen a outros compañeiros que queiran adherirse.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES