Notas de prensa

O I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións do Camiño de Santiago acolle preto de 300 membros de 154 colectivos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este evento que se celebra en Santiago entre os días 4 e 6 de xuño e salientou o recoñecemento ao labor que realizan os amigos do Camiño que “conforman un dos piares básicos no impulso das peregrinacións a Santiago”. Os participantes nesta xuntanza proceden de 28 países distintos dos cinco continentes. De maneira paralela ao encontro, Compostela acollerá, dende o 4 ao 12 de xuño, a exposición ‘Amigos do Camiño: Hospitalidade, investigación e difusión’.

Santiago de Compostela acolle o Primeiro Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño, un evento que hoxe foi presentado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e no que participarán preto de 300 membros de 154 agrupacións procedentes de 28 países dos cinco continentes.

Así Galicia acolle neste encontro membros das asociacións de amigos do Camiño de Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos, Filipinas, Finlandia, Francia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Xapón, Polonia, Portugal, Porto Rico, Reino Unido, República Checa, Sudáfrica, Suíza, Uruguai e España.

Trátase, segundo salientou Nava Castro, dunha convocatoria a nivel mundial que converterá a Santiago de Compostela de novo na capital mundial do turismo de peregrinacións e a Galicia, “nun dos principais epicentros turísticos a nivel internacional”.

Este encontro, que en palabras da directora de Turismo de Galicia supón “un recoñecemento ao labor que realizan as asociacións de amigos do Camiño, que conforman un dos piares básicos no impulso da peregrinación a Santiago de Compostela”, celebrarase entre os días 4 e 6 de xuño no Centro Sociocultural de A Banca.

Na presentación, Nava Castro destacou que se trata da cita máis importante realizada ata o momento neste ámbito coa que “queremos homenaxear ás asociación de amigos do Camiño de todo o mundo”, propiciando unha reunión para dar a coñecer o seu traballo e dedicación ao longo de tantos anos, sen o que non sería posible o que hoxe coñecemos como Fenómeno Xacobeo.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que “un dos axentes que contribúe máis positivamente na difusión do Camiño e na súa promoción é os colectivos de peregrinos que conforman as asociacións de amigos do Camiño de Santiago que se atopan espalladas polos cinco continentes con máis de 300 colectivos”.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia manifestou que Galicia mantiña unha débeda de recoñecemento e gratitude con todo este amplo colectivo “que día a día realiza de balde un traballo exemplar na promoción do Camiño de Santiago e que por fin saldaremos con este I Encontro Internacional”.

Segundo manifestou Nava Castro, o evento non será nin un congreso propiamente dito nin un seminario, senón que dende Turismo de Galicia apostase por “un auténtico encontro onde sexan as diversas asociacións as que tomen a palabra para analizar o seu traballo, compartir inquedanzas, e reflexionar sobre os seus obxectivos”.

A directora de Turismo de Galicia mostrou a súa seguridade en que esta xuntanza responderá ás expectativas do movemento asociativo e as súas opinións adquirirán un papel protagonista para servir como guieiro no traballo polo impulso e a conservación do Camiño de Santiago.

Exposición Amigos do Camiño: Hospitalidade, investigación e difusión
De maneira paralela ao encontro, o Centro Social ABANCA acollerá, dende o 4 ao 12 de xuño, a exposición ‘Amigos do Camiño: Hospitalidade, investigación e difusión’.

Unha mostra que presentará, a partir de diversos materiais editados, unha completa visión das actividades propias das Asociacións Xacobeas, relacionadas coa investigación e recuperación do Camiño, a súa revalorización e promoción.

Así mesmo, o encontro clausurarase cun acto conmemorativo no enclave do antigo cemiterio de peregrinos de Santiago no que renderase homenaxe aos miles de peregrinos que ao longo do séculos teñen chegado ata Santiago.

A directora de Turismo de Galicia pechou a súa intervención referíndose ao auxe da Ruta Xacobea que, segundo sinalou, acolleu xa no que vai de ano a máis de 50 mil peregrinos, o que supón un incremento de máis do 13% en relación ao mesmo período do ano anterior.

Neste senso, Nava Castro remarcou que esta iniciativa “continuará poñendo en valor a dimensión internacional do fenómeno da peregrinación xacobea, que no pasado ano trouxo ata Galicia a máis de 237 mil peregrinos procedentes de máis de 140 países dos cinco continentes”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-carretilla.jpg) Galicia pechou abril con 1.103.820 afiliacións á Seguridade Social, 16.386 cotizantes máis ca en abril do ano pasado, e con 112.293 persoas no paro, 3.252 menos que no mesmo mes de 2025. No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun +1,51 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.944 afiliacións máis, +0,72 %). De feito, en termos intermensuais, trátase do segundo maior aumento, tanto en termos absolutos como relativos, dun mes de abril desde que hai rexistros, despois do acadado o ano pasado. En relación co desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 % como na mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo.
Foto de la tercera plana (20260505-xunta.JPG) O evento celebrarase o 8 de xuño e concentrará a máis de 30 chefs con Estrella Michelin, nunha cita que, como definiu o organizador, Rogelio Rial, 'non só pon en valor o talento culinario, senón tamén o noso territorio, o Camiño de Santiago e a capacidade dun lugar como Negreira para acoller un evento deste nivel'. Esta edición homenaxearase ao célebre cociñeiro Juan Mari Arzak e colaborarase coa asociación Art for Dent, reforzando o compromiso social da iniciativa.O director de Turismo de Galicia puxo en valor a conexión entre gastronomía e Camiño de Santiago que impulsa a iniciativa.

Notas

A UDC vén de obter máis dun millón de euros para reforzar a investigación en computación e comunicacións cuánticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este financiamento, concedido no marco dunha convocatoria impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, permitirá dotar ao centro de novas capacidades científicas nun ámbito clave para o desenvolvemento tecnolóxico das próximas décadas.
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta desde agora cun novo catálogo. Nel recóllense en imaxes e texto dez mostras, de arredor dunha vintena de artistas moi diversos, que foron expostas nos seus muros entre setembro de 2023 e xullo de 2025 no marco do ciclo expositivo Recipro-edadiC, dirixido polo artista en profesor xa xubilado da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES