Notas de prensa

O Goberno galego testará en proba piloto o cuestionario da convivencia escolar entre 7.000 alumnos e 1.000 docentes

A Consellería de Educación da Xunta reuniu nunha xuntanza informativa a directores e representantes das familias dos 36 centros educativos das catro provincias que participarán na pilotaxe. O obxectivo é analizar o estado da convivencia nas aulas galegas para deseñar medidas de prevención e tomar decisións baseadas nunha ampla mostra.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comeza o mércores día 13 de maio a pilotaxe do cuestionario sobre a convivencia escolar previsto na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, unha fase previa ao cuestionario censual que se pasará en todos os centros de ensino de Galicia no primeiro trimestre do curso 2015/2016. O obxectivo desta proba piloto é detectar as posibles dificultades para responder ás preguntas previstas e solucionalos antes de pasar as preguntas ao conxunto do sistema educativo.

O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu a xuntanza organizada polo seu departamento para informar dos pormenores do proceso aos 36 centros educativos das 4 provincias que participarán na pilotaxe, que se desenvolverá durante 2 semanas. Isto supón que uns 7.000 alumnos de a partires de 5º de primaria, 1.000 docentes e 36 directores realizarán o cuestionario, así como unhas 170 persoas non docentes. Ademais, responderán as preguntas arredor de 3.000 familias do alumnado menor de 18 anos que contempla a mostra do piloto. Na xuntanza de hoxe participaron os directores dos 36 centros e mais os representantes das familias nos Consellos Escolares de cada un deles.

Un apoio á comunidade educativa

Durante a xuntanza informativa, o conselleiro quixo solicitar á comunidade educativa a máxima colaboración para que, tanto a pilotaxe como o futuro cuestionario censual, sexan un éxito. Así mesmo cualificouno como “un cuestionario de apoio aos centros e á comunidade educativa”, fundamental para axudar aos centros educativos a elaborar os seus propios Plans de Convivencia, así como para avanzar e mellorar o desenvolvemento da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que, aínda que Galicia presenta niveis moi baixos de conflitividade nas aulas, ata o momento non se dispón de datos rigorosos, cualitativos e cuantitativos, sobre o clima escolar. Polo tanto, o cuestionario supón dar un paso máis, preguntando a familias, docentes, directores, persoal non docente e alumnos de todas as etapas, e afondando na percepción do clima escolar e dos motivos da conflitividade (no caso de habela). Así mesmo, a amplitude da mostra permitirá obter unha gran cantidade de datos para mellorar tanto as estratexias de prevención como a resposta fronte aos posibles conflitos que se poidan producir nas aulas.

‘educonvives.gal’

O cuestionario constitúe o primeiro dos eixes da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, que ten como obxectivo fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña, búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

Ademais deste primeiro eixe, a estratexia contempla outros 4. Deles, o segundo pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan, ben mediante o intercambio de experiencias; así como a formación dos docentes nesta materia.

Preguntas

Segundo explicou o conselleiro, dependendo da etapa educativa e do colectivo ao que se dirixa o cuestionario terá un máximo de 20 preguntas, sinxelas e breves. Ademais, e dado que hai preguntas aniñadas, o percorrido poderá variar segundo a resposta. Por exemplo, se un alumno responde ‘non’ á pregunta ‘hai problemas de convivencia na túa aula?’ non terá que dar resposta á cuestión ‘que tipo de problemas?’. Ao cuestionario accederase a través da internet, nunhas datas fixadas para cada centro ao longo das dúas semanas seguintes ao día 13.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES