
Galicia é a comunidade convidada este ano na II Semana gastronómica española en Bos Aires e como tal a gastronomía galega terá unha presenza especial nese evento que se celebra entre os días 20 e 26 de abril en 16 restaurantes da capital arxentina.
Os cidadáns bonaerenses terán estes días a oportunidade de coñecer máis de preto os recursos gastronómicos galegos a través de distintas actividades divulgativas organizadas por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Bos Aires.
Así, ao longo destes días terá lugar unha presentación da oferta turística galega, degustacións, un seminario sobre cociña galega e unha demostración culinaria no marco destas xornadas .
Presentación turística
Dentro do programa de promoción da gastronomía galega na II Semana gastronómica española en Bos Aires, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, fixo onte unha presentación da oferta turística galega a 35 operadores turísticos arxentinos.
Esta presentación, na que Carmen Pita fixo fincapé na oferta gastronómica de Galicia, tivo lugar no restaurante Bernata, situado no barrio de Palermo e participante neste evento de promoción da cociña española.
Neste local de restauración, que conta con xerencia galega, os operadores turísticos arxentinos puideron participar nun showcooking do cociñeiro do grupo Nove Iñaki Bretal e degustar un menú tipicamente galego.
Seminario gastronómico
Por outra parte, o día 22 de abril, o cociñeiro Iñaki Bretal impartirá un seminario sobre xestión de establecementos e empresas gastronómicas, tendo como modelo o territorio galego.
O relatorio de Iñaki Bretal terá lugar na sede da Universidade Arxentina de Empresa e está previsto que asistan máis de 300 estudantes.
Demostración culinaria
Por outra parte, a presenza da gastronomía galega na II Semana gastronómica española en Bos Aires tamén quedará patente coa demostración culinaria que realizará o día 23 de abril o propio Iñaki Bretal no Instituto Arxentino de Gastronomía.
Neste caso, participarán no relatorio do cociñeiro galego alumnos deste centro docente e xornalistas arxentinos especializados en gastronomía.
Ao longo destas xornadas, os cidadáns bonaerenses tamén poderán degustar distintos menús galegos nos restaurantes que participan na promoción.
Turistas arxentinos
Polo que respecta ao número de visitantes arxentinos que recibe Galicia, ao longo de 2014 a comunidade galega rexistrou 69.400 viaxeiros procedentes do país austral, o que supuxo un 6,6% do total de turistas estranxeiros que nos visitaron en 2014.
Arxentina é o primeiro mercado emisor de América, que en 2014 mobilizou 280.000 visitantes á comunidade galega, un 26,6% dos turistas estranxeiros.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.