Notas de prensa

O CDG arranca en Narón a xira que levará a Xardín suspenso por 9 escearios galegos e Lisboa

Cándido Pazó dirixe a César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos neste premiado drama do autor portugués Abel Neves. Trátase da última produción da compañía pública que, logo da súa estrea en Narón, pode verse en O Barco, A Estrada, Pontevedra, Vigo, Tui, Rianxo, Ourense e A Coruña, ademáis de Lisboa.

O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia o sábado 11 de abril en Narón a xira de representacións do seu último espectáculo, ‘Xardín suspenso’, co que visitará tamén ata finais de maio O Barco de Valdeorras, A Estrada, Pontevedra, Vigo, Tui, Rianxo, Ourense, A Coruña e Lisboa.

A montaxe que dirixe Cándido Pazó a partir da obra de Abel Neves, referente da actual dramaturxia portuguesa, desenvolverá deste xeito 15 novas funcións nas próximas semanas, que virán sumárselle á temporada de exhibición para público xeral e escolar que tiveron lugar do 13 ao 29 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos interpretan esta primeira posta en escena galega do premiado drama luso, que introduce o espectador nun labirinto de emocións arredor da cuestión de ata onde pode levar a fidelidade absoluta a un amor non correspondido.

Ademais do elenco, no equipo artístico que Cándido Pazó dirixe para o Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), atópanse recoñecidos profesionais da escena galega como Carlos Alonso (escenografía e figurinismo), Manuel Riveiro (composición musical), Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (maquillaxe) e Belén Pichel (asistente de dirección). O propio Pazó asina versión galega do texto xunto ao director do CDG, Manuel Guede Oliva, mentres que Afonso Becerra de Becerreá elaborou o caderno pedagóxico.

Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen –de area branca, desprovisto de plantas e apenas sen decoración–, que serve de metáfora do estado letárxico no que se somerxe Lucía cando Mateo anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Segundo Cándido Pazó, nesta peza pola que Abel Neves gañou en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática do ámbito lusófono, “parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos”.

A primeira función da xira de ‘Xardín suspenso’ terá lugar mañá no Pazo da Cultura de Narón ás 20.00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo poden mercarse na billeteira do teatro ao prezo de 9,50 euros para público xeral e de 6,65 euros para abonados, titulares de Carné Xove e de Carné de Estudante, así como desempregados.

A compañía pública viaxará a continuación ao Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Estrada (Teatro Principal, 24 de abril), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación Pontevedra, 29 de abril), Vigo (Teatro Afundación Vigo, 6 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 16, 17 e 18 de maio) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio). A Sala Garrett do Teatro Nacional D. María II de Lisboa será o último escenario en acoller esta produción, da que ofrecerá catro funcións do xoves 28 ao domingo 31 de maio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (nenos_1.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante sen educación secundaria de segunda etapa, é dicir, que non contan con títulos superiores ao de ESO. O responsable do Executivo autonómico apuntou que a redución do abandono escolar é un 'importantísimo asunto de carácter estrutural no que a Xunta está embarcada hai tempo'. Aínda que indicou que 'imos polo bo camiño', lembrando que Galicia pechou 2025 cunha taxa do 10,4%, case tres puntos por debaixo da media estatal, sinalou que 'non podemos conformarnos nin moito menos'. Así, lembrou que a taxa de abandono educativo temperán é case o dobre nos homes (13,5%) ca nas mulleres (7,2%), polo que o Goberno galego está a intensificar as medidas especiais sobre eles.
Foto de la tercera plana (carballo-interplay-2026.jpg) O XIII Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril un programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas RRSS, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos.

Notas

GaliciaDigital consólidase como o referente tecnolóxico para a pequena empresa en Galicia tras alcanzar os 139 beneficiarios no programa Kit Digital, segundo datos do propio programa a 31 de decembro de 2025. A día de hoxe, está preto dos 170 beneficiarios. Cun traxecto de 1.166 días de actividade, a firma lucense destaca pola súa eficiencia e proximidade no ecosistema dixital galego.
Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués abre o prazo de inscrición para a súa sexta edición, que se celebrará en Vigo durante o mes de outubro de 2026. A convocatoria, está dirixida a curtametraxes e longametraxes producidos en Galicia, por creadores galegos ou creadores de calquera dos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES