O sábado 11 de abril ás 18 horas o auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acolle un concerto do artista coruñés Pablo Díaz, que, xunto a pezas xa coñecidas do seu repertorio, interpretará temas do seu máis recente traballo Xente miúda moita fartura.
O concerto desenvólvese en horario de tarde para facilitar que sexa unha festa familiar, na que especialmente as máis pequenas e os máis pequenos, acompañados das súas familias, sexan os verdadeiros protagonistas. A entrada é gratuíta, porén a Fundación Manuel María de Estudos Galegos recomenda, por razóns de aforo do auditorio, reservar previamente: pódese facer até o mesmo sábado no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e [email protected].
Este concerto enmárcase na iniciativa Seráns Culturais da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo que se desenvolve en diferentes espazos culturais de toda a provincia.
Pablo Díaz (A Coruña, 1972) representa hoxe unha das voces e rostros de referencia na música en galego dirixida ao público infantil, con traballos tan exitosos e con tan boa acollida de público como Tic Tac (2010) e Toc Toc (2013). Con Xente miúda moita fartura (2014), CD autoeditado, con ilustracións de Nicolás Fernández, Pablo Díaz continúa na súa aposta polo público infantil e familiar, particularmente orfo de produtos culturais e musicais de calidade na nosa lingua. Unha realidade xa coñecida por el desde o prestixioso selo editorial Kalandraka, en cuxos contacontos ten participado facendo o acompañamento musical.
Pablo Díaz, porén, ten unha longa traxectoria no panorama musical galego quer como intérprete quer como investigador. Fai parte de grupos tradicionais e folc como Donaire, Ruote ou Tátara Trío e ten colaborado con artistas como Susana Seivane.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.