
"Natureza Redimida" é o título da exposición de esculturas que o artesán e escultor en pedra e madeira lucense Darriba Caralladas -nome artístico de Xosé Darriba Castro- mostra ata o próximo día 29 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia. Fai referencia ás características das pezas que a compoñen: todas parten de estruturas achadas na natureza nas que Darriba descobre as formas, animais e obxectos que albergan. Son quince obras esculpidas en madeira -de castaño autóctono, na súa maior parte- combinando nalgunhas delas algo de pedra.
En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o escultor foi presentado polo coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, quen resaltou o valor da súa obra. "Darriba dinos, cunha humildade proverbial, que as súas obras están feitas coas estruturas que a Natureza lle regala, o cal é certo, pero non é menos certo que sen o artista que leva dentro non podería sacar as marabillosas formas que el encontra dentro desas estruturas para recreación da nosa imaxinación", afirmou, subliñando tamén que traballa con materiais nobres como son a madeira e a pedra.
"As miñas obras son sempre feitas a partir de estruturas que a natureza me regala, é dicir, que a natureza me dá o material e eu poño a funcionar o pensamento para ver que quere dicir, que animal e obxecto debo tallar nela", corroborou Darriba, insistindo en que "é moi raro que tire unha árbore para facer unha escultura" e en que trata "de facer da morte vida" seguindo as vetas da madeira.
Darriba procede dunha familia de labradores, emigrou a Suíza en 1982 e despois de catorce anos volveu á súa terra, onde aproveita a inspiración dos moitos países que visitou neses anos de emigración e comeza a traballar en pedra e madeira, observando o que a natureza lle ofrece para facer as súas esculturas.
O polifacético Ricardo Polín, autor de varios libros sobre o Camiño de Santiago e prologuista do catálogo da exposición di de Darriba que rescata seixos e cascallos que o vulgo desbotou residuos de materia inerte xa nas súas formas primarias, e redime de trivial frivolidade toda enerxía oculta na raíz enredada".
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.