A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebra a súa décimo terceira edición do 17 ao 30 de abril cunha carteleira de cinco espectáculos e distintas actividades paralelas de achegamento a esta disciplina, nunha programación configurada co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora deste xeito co Concello de Carballo no desenvolvemento desta cita anual para a promoción específica da danza contemporánea, que acollerá o Pazo da Cultura da localidade como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Nesta nova entrega de Primavera en Danza, serán catro as compañías galegas participantes: As Dríadas, que amosará o espectáculo de hip-hop A Orixe (17 de abril); Entremáns, que representará a peza para público infantil Xoga (domingo 19); Pisando Ovos, no que Rut Balbís interactúa con 25 cadeiras para interpretar Que volvan as flores (venres 24); e o Colectivo Fume coa creación Fume, unha proposta que mestura sombras, cine e danza sobre o escenario (sábado 25).
Tamén está prevista para o 30 de abril a montaxe Lowland, da compañía catalá de Roser López Espinosa, colaboradora de figuras como Cesc Gelabert ou Ángels Margarit e de presenza habitual en destacados festivais de España, Holanda, Alemaña, Italia, Canadá ou Xapón.
Ao encontro do público
Ademais destas propostas, Primavera en Danza dedica un apartado a actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, para as que se conta cos propios creadores da carteleira artística. Deste xeito, realizaranse presentacións previas dalgúns dos espectáculos en diferentes centros de ensino e espazos públicos de Carballo. Co mesmo obxectivo divulgativo e organizados baixo o título Como se crea un espectáculo de danza?, desenvolveranse encontros entre espectadores, coreógrafos e directores ao remate de cada representación.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou esta tarde xunto ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura, Mar Eirís; e a coreógrafa e bailarina Alba Fernández na presentación aos medios desta décimo terceira edición do festival.
Na súa intervención, o responsable da Agadic, que cualificou o encontro como unha excelente proposta cultural pensada especificamente por e para a danza, referiuse á importancia de prestar un apoio adicional a esta arte por tratarse dun xénero ás veces non tan presente nas programacións dos nosos teatros e auditorios pero, pola contra, moi rico en potencial creativo e interpretativo.
Jacobo Sutil fixo ademais especial fincapé nas actividades complementarias que acompañan a programación. As presentacións dos espectáculos a cargo dos seus protagonistas e os encontros planificados co público xogarán a favor da procura do incremento de cifras de espectadores galegos para a danza, expresou.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.