Notas de prensa

A Xunta apoia ás editoriais galegas nas principais Feiras Internacionais do Libro en 2015

Logo da participación na feira de Boloña, con actividades de ilustradores da AGPI no stand de Galicia, o sector editorial galego estará representado nas citas de Bos Aires, Frankfurt e Guadalaxara. Galicia conta cun stand propio nas principais feiras internacionais do sector para favorecer o contacto dos profesionais galegos cos homólogos doutros países.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se fai pública a formalización do contrato de servizos de organización das iniciativas a desenvolver por este departamento nas feiras do libro internacionais durante o ano 2015, concretamente os referidos aos eventos de Boloña, de Bos Aires e de Frankfurt, cun importe total de 105.000 euros.

Ademais da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que tivo lugar entre o pasado 30 de marzo e o 2 de abril, a Xunta apoiará este ano a presenza do sector editorial galego nas citas de Bos Aires (Arxentina), do 23 de abril ao 11 de maio; de Frankfurt (Alemaña), do 14 ao 18 de outubro; e de Guadalaxara (México), do 28 de novembro ao 6 de decembro, co obxectivo de promover a difusión de autores e obras galegas nos mercados internacionais.

Favorecer o contacto cos sectores doutros países

Ademais da realización de actividades de difusión do libro e da literatura galega, Galicia conta cun stand propio nas principais feiras internacionais do sector para favorecer o contacto dos profesionais galegos cos homólogos doutros países e para afondar na relación institucional da Consellería cos departamentos doutras administracións responsables da difusión da actividade editorial dos seus respectivos ámbitos de actuación.

A presenza de produción editorial dun destacado número de empresas galegas e a participación de recoñecidos escritores e escritoras, e de profesionais da ilustración permiten, ademais, darlle visibilidade ao prestixio e talento do sector en Galicia, favorecendo a exportación das súas obras e o intercambio de experiencias e boas prácticas.

Participación de Galicia en Boloña

Desde o 30 de marzo ata o 2 de abril, o sector galego especializado na literatura para os máis novos estivo representado na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña cun stand instalado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Editores, no que estiveron representadas a través das súas novidades editoriais Edicións Xerais, a Editorial Galaxia, Everest Galicia, OQO editora, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Editorial Bululú, Kalandraka, Nova Galicia Edicións, Edicións Embora, Edicións Linteo, Demo Editorial, Urko Editorial, Linteo e MC Sport.

Difusión da creatividade actual galega

Durante o evento distribuíuse na cidade italiana o catálogo de ‘Libros infantís e xuvenís de Galicia 2015’, con textos en inglés, castelán e galego, un repertorio co que se presenta na feira a creatividade galega actual no que atinxe á edición. Ademais, as ilustradoras Marina Seoane, José Domingo e Ale Díaz, representantes na feira de Boloña da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), amosaron no stand de Galicia unha selección dos seus traballos e mesmo realizaron debuxos en directo.

A representación da Consellería de Cultura e Educación na feira tivo a oportunidade de reunirse coa responsable da organización da Feira de Frankfurt, Nicole Grüner, para tratar, entre outros temas, a participación de Galicia na vindeira edición da feira do libro desta cidade alemá. Así mesmo, mantívose unha xuntanza con Assunção Mendoza e Ana Castro, representantes da Secretaria de Estado do Governo de Portugal, para tratar e intercambiar novas iniciativas no ámbito da promoción e o apoio á edición de libros en lingua galega e portuguesa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES