Previamente a este acto, Mario Outeiro mantivo unha xuntanza con representantes dos grupos e asociacións de teatro afeccionado e profesional da provincia de Lugo que participan no programa Buxiganga. Avanzoulle que unha nova edición do mesmo arrincará, como vén sendo costume, durante este vindeiro mes de abril.
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, mantivo esta mañá no Refectorio do Museo Provincial unha xuntanza con representantes de distintos grupos e asociacións de teatro afeccionado e profesional da provincia de Lugo que participan no programa Buxiganga. Nunha reunión que se prolongou durante preto dunha hora, Outeiro, que lle entregou a cada un dos asistentes unha colección de publicacións vinculadas ao teatro, avanzoulles a planificación dunha nova edición deste programa, que como todos os anos se volverá a poñer en marcha no mes de abril.
O programa Buxiganga ten unha gran acollida entre todos os grupos da provincia e a nós parécenos unha maneira marabillosa de apoiar o talento da xente e un factor moi importante da nosa cultura, así que manteremos a nosa aposta por este proxecto, salientou Mario Outeiro. Na xuntanza, os participantes e o responsable provincial de Cultura intercambiaron ideas, expoñendo distintos puntos de vista e dúbidas para, na medida do posible, introducir melloras no mesmo.
Tras esta reunión levouse a cabo o acto para conmemorar o Día Mundial do Teatro. O vicepresidente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, fixo de mestre de cerimonias presentado a Tareixa Campo, que foi a encargada de ler o Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro, autoría de Xurxo Borrazás.
Posteriormente, leváronse a cabo dúas representacións no propio refectorio do Museo Provincial de Lugo. En primeiro lugar, Natalia Fernández, de Espazo Artístico 10, recreo A Violación de Franca Rame e Dario Fo. Logo tomou a remuda o alumnado de 4º Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixidos por Paloma Lugilde fixeron unha Lectura dramatizada do 4º Ciclo.
Unha vez rematado o acto, as actividades continuaron dentro do Museo Provincial con outras actuacións que tamén estiveron dirixidas por Paloma Lugilde, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, que cedeu o espazo para as representacións.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.