Notas de prensa

8 artesáns, nos obradoiros conmemorativos dos Días Europeos da Artesanía

Economía e Industria promove a posta en valor do produto artesán galego con distintas actividades nos Días Europeos da Artesanía. Oito artesáns impartirán talleres gratuítos e demostracións no marco de Oficios en Acción. Inclúense talleres de cerámica de torno da man de Cerámica Unzueta (Brión), do ceramista Nano Unzueta, de cerámic-chef con Terralume, e ourivaría.

A Consellería de Economía e Industria participa na celebración dos “Días Europeos da Artesanía”, desde o venres 27 de marzo, ao domingo 29 de marzo, con diferentes iniciativas de promoción da artesanía galega na nosa comunidade. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta colabora por cuarto ano consecutivo, baixo o que terán lugar toda unha serie de actividades relacionadas co sector artesán.

Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Dez países tomarán parte este ano na celebración, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Reino Unido, Letonia, Suíza, Hungría, Portugal e España. As actividades que se organizan en Galicia son as seguintes:

Oficios en acción

É unha iniciativa de carácter participativo relacionada con oito oficios artesanais, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e a Asociación Galega de Artesáns, gañadora recentemente do Premio Nacional de Artesanía para Entidades Privadas. Este ano os talleres sobre os diferentes oficios artesanais instálanse nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao quiosco Alfonso). Durante as xornadas do sábado e do domingo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, oito artesáns poñeranse á disposición do público para explicar cales son os procedementos básicos en cada un deles. Desta forma, o visitante poderá acceder a cada taller, intervir nas accións programadas, preguntar, e, por suposto, participar.

Inclúense talleres de cerámica de torno da man de Cerámica Unzueta (Brión) que presenta un programa demostrativo e moi participativo aberto a todos os públicos e, en particular, aos máis pequenos. O ceramista Nano Unzueta ofrecerá un percorrido práctico pormenorizado por todos os procesos de produción de obxectos no torno, dende a preparación do barro ata a montaxe final das pezas.

Tamén haberá espazo para pastas cerámicas, con Cerámic – chef, impartido por Terralume (A Coruña), unha proposta para descubrir como un oficio milenario como a cerámica emprega terras e minerais dos nosos solos, grazas a unha ampla variedade de pastas de distintas propiedades. A ceramista Susana González traballará con dous niveis de participación: sesións de catro horas para oito persoas previamente inscritas, que elaborarán unha bandexa- neriage e dirixirán a creación dun mural colectivo; e outro nivel dirixido a participacións puntuais.

Así mesmo, haberá un obradoiro de ourivaría tradicional dirixido polo taller Plata Nativa (Sada). Gustavo Helling propón tamén dúas fórmulas de participación, en ambos os dous casos para maiores de 15 anos: a primeira en sesións de dúas horas, segundo grao de habilidade, para catro persoas inscritas previamente e, a segunda, para participacións máis breves de ata 45 minutos. Os asistentes introduciranse nas técnicas básicas da xoiería e terán a oportunidade de realizar un obxecto de uso persoal.

A cestería contemporánea chegará da man da artesá Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), que acaba de resultar gañadora do Premio Nacional de Artesanía na categoría “Produto”, pola súa última colección. O taller permite tamén dúas posibilidades de participación: sesións de catro horas para catro persoas previamente inscritas e tamén sesións breves de 30 minutos. Será unha introdución aos tipos de cestería tanto con fibras vexetais como con tecidos.

O tallar de Vidreira chumbada será impartido polo artesán Polo Enríquez (A Coruña), que introducirá aos interesados nalgúns dos segredos desta complexa técnica secular. O seu programa inclúe tamén sesións de catro horas para catro interesados inscritos previamente e sesións máis curtas segundo a dispoñibilidade dos participantes.

Haberá arte floral a cargo de Beate Méndez, de Floriforma (Teo), que achegará os asistentes a este oficio tan meticuloso e detallista como espectacular. A artesá ofrece tamén dúas posibilidades para os interesados: sesións de dúas horas para un máximo de oito persoas inscritas previamente, a ta materializar unha proposta de certa complexidade, e sesións abertas de 30 minutos nas que os asistentes prepararán tamén unha peza completa.

Ademais, o artesán Xoán Manuel Tubío, de Outeiro de Rei, ofrecerá demostracións prácticas dos diferentes procesos de construción de instrumentos de percusión, de zanfonas e doutros instrumentos tradicionais, así como a posibilidade de elaborar algunhas mostras do noso rico patrimonio cultural: unhas tarrañolas para adultos ou sinxelos xoguetes sonoros para nenos de todas as idades a partir de cascas de noz.

Un dos obradoiros centrarase en tapiz 3D e xoiería téxtil macramé impartido por Tapices de Galicia (A Coruña). A artesá téxtil Josefina Sedes ofreceralle aos interesados dúas áreas de traballo diferentes: xoiería téxtil a partir de técnicas de micromacramé, Kumihimo (trenzado xaponés) e iniciación ao tapiz 3D sobre bastidores individuais prefabricados para tecer un pequeno tapiz con la de diferentes grosores e texturas. Os participantes poden traballar en sesións de catro horas, máximo oito participantes inscritos previamente, e achegamentos puntuais de unha hora de duración.

Portas abertas no taller de Susi Gesto en Santiago de Compostela
O sábado e o domingo, de 11:00 a 20:00 horas, a ourive Susi Gesto abre o seu obradoiro da zona vella de Santiago de Compostela ao público, durante os cales os asistentes poderán participar e traballar coa artesán nunha xornada habitual de traballo obradoiro, o que lles permitirá formar parte nos diferentes procesos de creación artesanal. A xornada, dirixida a un máximo de oito persoas inscritas previamente, distribuirase en dúas quendas, de mañá e de tarde.

Portas abertas no obradoiro de Carro Artesanos en Ourense

A artesá Paz Carro abre o seu taller especializado na elaboración de beléns, miniaturas e maquetas, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. O taller estará aberto ao público o venres de 11:00 a 13:30 e o sábado e o domingo en horario de 12:00 a 18:00 horas, previa cita.

Portas abertas no obradoiro Olería Aparicio en Buño

Os días 27, 28 e 29 de marzo neste obradoiro de olería de Buño, os visitantes poderán presenciar demostracións en vivo, unha mostra das ferramentas e os materiais cos que traballan para elaborar as súas prezadas pezas e moitas actividades máis. O horario de visita é de 10:00 a 20:00 para venres e sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.

Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023), entre outras.
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute (ISSI), un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza) na que os seus membros analizaron os resultados preliminares dos estudos que están a facer sobre a contracción da estratosfera e sobre o risco de colisión entre obxectos.
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da Universidade da Coruña Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos que condicionan a chegada de humidade ao noso territorio.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES