A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou na sede da Real Academia Galega o trixésimo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro que, baixo o título Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990) segue o ronsel do xénero epistolar para dar conta da amizade persoal e da relación profesional dos dous intelectuales galegos.
Acompañaron o secretario xeral o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; e o editor do volume, Xosé Luís Cochón Touriño.
Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990)
Antonio Blanco Freijeiro. Isidoro Millán González-Pardo. Cartas habidas (1953-1990) é un volume epistolar que se sitúa na liña de anteriores achegas a un xénero no que Ramón Piñeiro deixou varios milleiros de mostras, maxistrais algunhas delas. Trátase, neste caso, da revelación da amizade persoal e das relacións profesionais de dous rigorosos intelectuais galegos, personalidades significativas no terreo das Humanidades. Introdución, notas aos textos, índices e repertorios bibliográficos son parte desta edición respectuosa cos textos orixinais e ilustrada.
Cadernos Ramón Piñeiro
Os Cadernos Ramón Piñeiro, coordinados polos profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, son o medio de difusión con que conta o proxecto de investigación homónimo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria botou a andar, no marco co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), hai agora 12 anos.
Desde esa data, lévanse publicados 30 volumes arredor do pensamento e da cultura galegas e, en especial, de escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles, figuran os autores homenaxeados cada ano con motivo das Letras Galegas, obxecto de interesantes estudos, como o que xa está preparando o CRPIH arredor de Xosé F. Filgueira Valverde.
Centro Ramón Piñeiro
O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.