Notas de prensa

O PSdeG critica a política de DDT contra o galego e a Xunta pide sacar a lingua da confrontación política

O portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, acusou ao presidente da Xunta de desenvolver unha “política de DDT contra o galego”, baseada no Descrédito, Desleixo e Trampantoxo. O conselleiro de Cultura insta a sacar a lingua da "confrontación política" e a "traballar sobre o que nos une, e non sobre o que nos separa".

Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, volveu a tender hoxe no Parlamento galego a man aos grupos da oposición co obxectivo de buscar un consenso o máis amplo posible en torno ao galego, que “é a lingua de todos e todas”, sinalou.

Tal e como indicou hai quince días na súa primeira comparecencia parlamentaria, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de deixar o idioma propio da Comunidade á marxe da “confrontación política” e da discrepancia, trasladando ao ámbito político a “normalidade” e a “convivencia” entre linguas que hai nunha sociedade galega “máis galeguista que nacionalista”, puntualizou.

Neste senso, Román Rodríguez pediu escoitar máis aos galegos, que “queren acordos e rexeitan imposicións” e non comparten “a postura dos nacionalistas dunha Galicia só en galego”, senón o de unha Galicia “plural” onde convivan as linguas. É neste punto onde a Consellería pretende procurar o acordo e así llo recordou hoxe de novo aos grupos parlamentarios. “Traballemos sobre o que nos une e non sobre o que nos separa”, instou.

En todo caso, rememorou intentos pasados para chegar a acordos en materia lingüística que derivaron en fracaso, como a proposición non de lei aprobada en maio de 2013 só cos votos do Grupo Popular. Nese momento, a Xunta abriu un proceso de diálogo cos diferentes voceiros de lingua dos grupos parlamentarios, pero “non foi posible avanzar”, destacou Román Rodríguez, quen agora realiza un novo ofrecemento de entendemento.

No referente á última enquisa do IGE, o responsable do departamento educativo do Goberno galego asegurou compartir a necesidade de mellorar, dado que “algo está a fallar no uso” da lingua propia. Pero tamén reivindicou os datos positivos que reflicte este estudo, como que o galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia e o alto grao de coñecemento oral e escrito entre a poboación, “o máis alto da historia”, remarcou. Tamén destacou a freada da caída de galegofalantes nos últimos anos, pois mentres entre 2003 e 2008 descenderon 12 puntos, entre 2008 e 2013, esa baixada só foi de dous puntos.

Plan de dinamización lingüística no ámbito económico
Aínda así, a Consellería segue traballando a prol da lingua, e por iso está desenvolvendo un plan de dinamización lingüística no tecido económico, cun horizonte ata 2020. Unha iniciativa que pretende incrementar o uso do galego no eido empresarial, convencendo —“e non impoñendo”, resaltou o conselleiro— de que a súa utilización representa un valor engadido nas relacións comerciais, sobre todo no ámbito da lusofonía.

O plan, cuxa elaboración contará coa participación de todos os sectores implicados, incluirá accións concretas dirixidas a autónomos, cooperativas, banca e grandes empresas co fin de que a potenciación do uso da lingua neste ámbito redunde tamén nun maior emprego no resto da sociedade.

Nota de prensa do Gabinete de Comunicación do PSdeG:

O portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, acusou ao presidente da Xunta de desenvolver unha “política de DDT contra o galego”, baseada no Descrédito, Desleixo e Trampantoxo. No debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento, responsabilizou á Xunta de que o galego deixara por primeira vez de ser a lingua habitual dos galegos, pasando do 57 ao 44 por cento segundo o IGE.

O responsable socialista acusou ao goberno galego de levar “anos traballando para acadar este resultado”, mentres o presidente da Xunta “responsabiliza ás familias” destes datos derivados da xestión do seu goberno.

Caamaño sinalou unha estratexia deliberada de “desprestixio do galego” dende a Xunta, dando a entender que “era unha lingua secundaria que non se tiña nin por qué estudar moito na escola”. De aí a súa ruptura deliberada co consenso en torno ao Plan de Normalización Lingüística e a toma de medidas dirixidas a desprestixiar a lingua.

Lembrou que foi Feijóo o que retirou o requisito do coñecemento do galego para ocupar un posto na administración pública de Galicia, “recoñecendo o dereito de algunhas persoas a ignorar a lingua propia oficial de Galicia”. Explicou que con esta medida coartan a liberdade dos galegos de dirixirse na súa lingua á administración, “mentres resulta practicamente imposible dirixirse ao poder xudicial do Estado en Galicia” falando en galego.

Na mesma liña situou o Decreto do Plurilingüismo na escola, un intento de “encubrir a estratexia de desprestixio e de subliñar que o importante é o inglés”, mentres o galego “non é oficial como o castelán”. Lembrou que mentres o País Vasco negociou e acadou que o goberno central quedara á marxe da planificación do ensino da lingua, a Xunta aplica a Lomce “sen preguntarse sobre o seu impacto na lingua propia”.

Estas medidas viñeron acompañadas, engadiu, do desleixo demostrado polo goberno galego a través dos recortes orzamentarios drásticos nas políticas de apoio á defensa lingua galega. Estas pasaron dos 21,5 millóns de euros en 2009 a os tan só 6,7 millóns de euros orzamentados por Feijóo para o ano 2015, cun descenso do 70 por cento, mentres desenvolven o argumento de que “hai outras necesidades”.

Mesmo lembrou que o último orzamento aprobado polo anterior presidente do PP, Manuel Fraga, chegara aos 19,5 millóns de euros, moi por riba do esforzo destinado por Feijóo. Advertiu que “sen recursos non hai políticas públicas en defensa da lingua, por non falar da cultura”, que pasou dos 141,06 millóns de euros en 2004 aos 57,7 por cento en 2015.

O último eixo das políticas de ataque contra a lingua encetadas por Feijóo é o trampantoxo, centrando a súa acción no “bilingüismo de aparencia”, polo que “escapan das responsabilidades e cren que o expediente da defensa da lingua e da cultura arránxase xuntando un día ao ano catro persoeiros e facendo un concurso floral”.

Caamaño acusou ao PP e ao goberno galego de “non ter mais que ouvidos xordos á realidade e non entender as consecuencias das políticas que levan feito”, logo de que onte acusaran ao PSdeG de “copiar” as iniciativas en defensa da lingua e da cultura, cando “toda Galicia estalles a dicir que o goberno galego ten un problema”.

Esixiulle ao goberno galego que “expliquen aos galegos e galegas a realidade e asuman as súas responsabilidades na defensa da lingua de acordo coa Constitución e o Estatuto” e instounos a “non deixar que morra día a día nun xogo de aparencias”.

Gabinetes de Comunicación da Xunta de Galicia + PSdeG, 2015-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES