Notas de prensa

A Xunta seguirá desenvolvendo o Plan de Turismo Termal en Galicia conxugando ocio e saúde

Contabilízanse en Galicia máis dunha vintena de balnearios cun volume de negocio que supera os 60 millóns e que xeran 1.400 empregos directos. Avanza que a Xunta desenvolverá este ano o programa Turismo Senior Termal de Galicia” e afirma que xa está a traballar tamén noutros proxectos como a creación do Club de Produto Turístico da Auga.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Xunta seguirá desenvolvendo o Plan de Turismo Termal para impulsar o termalismo na Comunidade e convertelo nunha opción turística propia que conxugue ocio e saúde.

Durante a visita ás novas instalacións do Balneario de Cortegada, Feijóo referiuse ao termalismo como un deses selos de calidade que nos diferenza como un destino único e de innumerables posibilidades. E, nesta liña, salientou que actualmente contabilízanse en Galicia máis dunha vintena de balnearios cun volume de negocio que supera os 60 millóns de euros e que xeran 1.400 empregos directos.

“De feito, Galicia é a autonomía con maior número de balnearios e a que conta con máis establecementos certificados coa Q de Calidade Turística”, aseverou, ao que engadiu que, xunto con isto, a nosa autonomía conta con máis de 300 captacións de augas termais e mineiromedicinais catalogadas.

Ocio e saúde

Diante desta cifras, afirmou que falar de termalismo é falar dunha longa tradición na Comunidade, que está actualmente en pleno proceso de renovación para adecuar as infraestruturas e servizos ás esixencias que hoxe demanda o consumidor. “E, por iso, desde a Xunta estamos a facer unha aposta decidida por impulsar a posición natural de liderado que lle corresponde á comunidade neste ámbito; por converter o termalismo nunha bandeira propia, nun destino propio na capital do termalismo de Galicia que é Ourense; e por facer do termalismo unha opción turística que conxugue ocio e saúde”, incidiu.

Ao fío disto, destacou o novo balneario de Cortegada, que dispón do equipamento máis avanzado para o aproveitamento de augas termais e minerais con fins terapéuticos, como un exemplo de como a oferta termal en Galicia pode ir cubrindo as expectativas dos turistas máis exixentes. Non en van, contribuirá a estimular o turismo nesta comarca, xa que ademais de supoñer un importante activo para a economía e o emprego local, tamén axudará a incrementar a ocupación hoteleira nos numerosos establecementos de turismo rural da súa contorna.

Así mesmo, lembrou que a finalización das obras deste balneario é unha das actuacións recollidas no Plan de turismo termal que a Xunta aprobou o pasado ano, e que representa un dos piares do Plan integral de turismo de Galicia.

Actuacións do Plan de turismo termal

Sobre este punto, Feijóo fixo fincapé nalgunha das liñas de acción que, de acordo a este plan de turismo termal, se levan aprobado ata o de agora como: a constitución do Consello Termal de Ourense, un órgano onde están as institucións públicas e o sector privado relacionados co turismo termal; a conversión da acrópole de Monterrei en Parador; a creación de novas rutas turísticas pola provincia, como é o caso de Lobios, co acondicionamento da ruta do río Caldo; ou de Verín, onde xa se inaugurou o primeiro treito da ecovía fluvial do Támega; a mellora do acceso e o entorno do balneario de Laias; ou o proxecto de sinalización das vilas termais, “que executaremos este mesmo ano”.

Ademais destas actuacións encamiñadas á mellora das infraestruturas turísticas, o responsable autonómico explicou que este plan tamén busca incidir na promoción e a comercialización do termalismo; “e, este ano desenvolveremos o programa Turismo Senior Termal de Galicia”, avanzou, logo de precisar que a Xunta está xa a traballar tamén noutros proxectos como a creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, ou a reactivación da Asociación de Vilas Termais para o desenvolvemento do pacto termal.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén a importancia da formación neste campo “e, por iso, recentemente asinamos un convenio de colaboración coa USC para o desenvolvemento da Cátedra de Hidroloxía Médica; estamos a apoiar a impartición no Campus de Ourense do Máster de Dirección e planificación do turismo de interior e de saúde; e, grazas a un convenio asinado entre a Xunta e a Universidade de Vigo será tamén Ourense a cidade que acolla a sede central do Campus da Auga, o que contribuirá á especialización das facultades ourensás en torno aos recursos hídricos e termais da provincia”.

O presidente da Xunta concluíu destacando que os datos correspondentes ao mes de xaneiro deste ano sinalan que os establecementos hoteleiros desta provincia rexistraron case 16.000 viaxeiros aloxados, o que representa un incremento dun 20,4% con respecto ao mesmo período de 2014; cun aumento das pernoitas do 4,9%.
Cabe sinalar, ademais, que segundo a procedencia, o mercado nacional foi o que medrou de forma máis acusada, posto que os viaxeiros procedentes doutras partes de España aumentaron nun 22% e as súas pernoitas un 7,4%.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.
Foto de la tercera plana (museo-peregrinacions-02.jpg) A programación de actividades comprende neste caso a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei, que tamén xestiona o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro.

Notas

Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres – vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista. A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES