Notas de prensa

Preséntase en Madrid a nova experiencia turística: Vinos e camelias

A iniciativa combina dous grandes reclamos turísticos consolidados xa na nosa comunidade: a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas. O obxectivo é continuar coa consolidación de Galicia como un destino turístico experiencial e poñer en valor estes recursos de enorme potencialidade e gran aceptación.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Madrid a nova campaña ‘Vinos y Camelias’, unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa D.O Rías Baixas e Turismo Rías Baixas, que combina dous grandes reclamos turísticos consolidados xa na nosa comunidade: a Ruta da Camelia e a Ruta dos Viños Rías Baixas.

Así, baixo a denominación de ‘Vinos y Camelias’ Turismo de Galicia promocionará conxuntamente dous produtos turísticos con enorme potencialidade e gran aceptación, que están a contribuír a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e a impulsar a desestacionalización da demanda.

A directora de Turismo de Galicia presentou esta nova experiencia a un grupo de prestixiosos periodistas especializados en gastronomía e turismo cos que compartiu un almorzo elaborado polo cociñeiro galego, Pepe Solla.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que esta flor insignia de Galicia alcanza o seu máximo esplendor no sur de Galicia convivindo cos viñedos dos que se obteñen os afamados viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. “Co obxectivo de continuar impulsando a consolidación e promoción destes dous grandes recursos presentamos esta nova forma de coñecer a nosa comunidade”, sinalou.

Na súa intervención, Nava Castro salientou que deste xeito esta iniciativa permitirá aos turistas que visiten os xardíns da Ruta da Camelia, gozar ao mesmo tempo doutro dos grandes tesouros de Galicia, os viños da D.O. Rías Baixas. “Así os visitantes poderán descubrir dun xeito diferente esta zona do sur de Galicia que conforma un dos destinos turísticos máis visitados da nosa comunidade”, explicou.

A directora de Turismo de Galicia referiuse á importancia que está a acadar a Ruta da Camelia como reclamo turístico. Así, manifestou, “a Ruta da Camelia de Galicia, constituída na actualidade por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados, é xa un referente internacional”. “Proba diso é que algúns dos pazos que configuran esta ruta superaron o pasado ano os 20.000 visitantes”, engadiu.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou que Galicia é o segundo lugar do mundo, despois de Xapón, con máis especies de camelia, concretamente alberga unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias. Nava Castro salientou tamén que esta ruta conta dende este ano cunha sinalización turística que abarca 75 sinais a través das cales os visitantes e turistas descobren con facilidade esta ruta e coñecen de xeito moito máis sinxelo todo o patrimonio que a conforma.

No que se refire a Ruta dos Viños das Rías Baixas, Nava Castro afirmou que esta ruta conforma un referente en canto a enogastronomía de calidade e un importante elemento de competitividade turística. “Esta ruta está certificada baixo os esixentes parámetros de calidade que posibilitan a súa integración no selecto grupo que compón o club de produto das Rutas do Viño de España”, explicou.

“Estamos convencidos de que este novo produto turístico contribuirá a consolidar Galicia como un destino turístico experiencial, un destino evocador de emocións e sensacións, e poñerá en valor estes recursos exclusivos, que só se poden gozar en Galicia”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Atractiva campaña de promoción en Madrid

Para promover este novo produto turístico e achegar esta experiencia única a todos os madrileños e turistas que visiten a capital, dende hoxe ata o próximo 4 de abril, as tendas especializadas Lavinia en Madrid acollerán unha atractiva campaña de promoción.

Estas prestixiosas vinotecas lucirán unha sorprendente decoración, ambientadas como un auténtico pazo galego con camelias naturais, e acollerán unha selección dos mellores viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, un total de 24 adegas que ofrecen 40 marcas de viño diferentes.

Ademais contarán cun punto de información onde poder informase de todo o relacionado con esta sorprendente experiencia, así como, calquera outra información turística da comunidade de Galicia que esperte o interese dos visitantes.

Presentación a turoperadores turísticos

Esta mesma tarde a directora de Turismo de Galicia presentará tamén a nova campaña a un grupo de turoperadores turísticos nun coctel de presentación que terá lugar ás 20 horas no restaurante Lavinia de Madrid.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.
Foto de la tercera plana (museo-peregrinacions-02.jpg) A programación de actividades comprende neste caso a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei, que tamén xestiona o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro.

Notas

Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres – vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista. A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES