O escritor e académico da lingua vasca Bernardo Atxaga abriu no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o ciclo Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura, unha iniciativa pegada á literatura dos nosos días, para analizar desde a ollada dos escritores e das escritoras a relación entre o devir da sociedade actual e a cultura.
Así se referiu ao ciclo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que foi o encargado de abrir as portas deste novo ciclo, que conta con voces literarias claves na actual construción cultural. E é que, xunto con Bernardo Atxaga, tamén participarán no ciclo durante as próximas sesións Suso de Toro, Carme Riera e BradleyEpps.
É unha satisfacción contar con Atxaga nesta sesión de apertura afirmou Anxo Lorenzo un dos escritores de referencia das letras actuais, Premio Euskadi e Premio Nacional de Narrativa, e sobre todo, autor de páxinas devoradas polos lectores, nas versións orixinais e nas traducidas. O secretario xeral de Cultura lembrou que os galegos temos a sorte de poder ler as súas páxinas vascas tamén na nosa lingua, grazas en boa medida ao traballo de tradución de Ramón Nicolás. Tamén recordou que o académico foi distinguido o ano pasado como Galego Universal pola Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega.
O director do ciclo é o escritor Alfredo Conde, unha das plumas de referencia no noso país, con obras tan coñecidas e recoñecidas como Xa vai o griffón no vento, que foi merecente do Premio Nacional de Narrativa. El será o moderador de cada unha das sesións, nas que tamén participarán outros mestres da escrita e bos coñecedores e analistas da produción literaria actual como Henrique Alvarellos, Xosé López Silva e Ramón Nicolás.
Eles serán os encargados de incorporar á mesa outros puntos de vista e interrogantes, de maneira que o debate estea servido e que nos obrigue a todos a ir reformulando as nosas cavilacións e argumentos; en definitiva, para enriquecer este espazo de pensamento.
Voces literarias claves
A sesión desta mañá, protagonizada por Atxaga, irá seguida doutras tres sesións, tamén en sábado, con Suso de Toro, Carme Riera e BradleyEpps, que nos ofrecerán a súa mirada persoal sobre distintos aspectos da sociedade actual como a cuestión lingüística, ou os intereses emerxentes da sociedade e os novos ámbitos de construción da identidade colectiva.
O vindeiro 11 de abril, Suso de Toro defenderá Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado. O autor galego compaxina a docencia co seu traballo literario, a creación de guións para radio e televisión e as colaboracións en diferentes medios de comunicación. Obtivo diversos premios literarios e a súa obra, traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades. Ao seu entender, as linguas precisan espazos sociais e nacionais para existiren e a protección dun estado que vincule a súa existencia á da propia lingua, ou non. Pregúntase se a lingua galega tivo un estado que a protexese desde 1975.
A literatura morreu, viva o fútbol será o relatorio de Carmen Riera o 23 de maio. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, é membro da Real Academia Española e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. A súa obra foi traducida a numerosas linguas entre as que se atopa o alemán, o ruso, o grego ou o hebreo. A escritora expón a perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional, fronte aos equipos de fútbol que si conseguen esa forte relación a pesar da orixe diversa dos seus integrantes.
A derradeira xornada será o 20 de xuño cun relatorio a cargo de BradleyEpps baixo o títuloA que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística. Profesor de literatura española en diversas universidades de Estados Unidos e Reino Unido como Harvard ou Cambridge, e fondo coñecedor das diferentes realidades culturais da península Ibérica, os seus traballos tocan temas como a muller, o xénero, a literatura o cinema ou a arte. Epps reflexionará sobre o estado permeábel e precario das Letras e sobre a estranxeiría como condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está. Unha condición que atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar.
Segundo asegurou o secretario xeral, o CGAC constitúe un centro de referencia para as artes dos nosos días, nun sentido amplo, para a reflexión e o diálogo entre os distintos ámbitos creativos. Así entendemos esta busca de pontes e de debates entre disciplinas, imprescindible para abrir camiños novos e para entender un pouco máis o conxunto da construción cultural contemporánea, concluíu.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.