Notas de prensa

A UE selecciona tres proxectos do GAC de Galicia como exemplo de sustentabilidade das comunidades pesqueiras

Estes proxectos están presentes na área de exhibición da conferencia Sailing towards 2020, organizada DG MARE e que se celebra en Bruxelas. O obxectivo desta conferencia é expor o aprendido e os éxitos da implementación do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca.

Tres proxectos dos Grupos de Acción Costeira (GAC) de Galicia foron escollidos para ser expostos como exemplo de sustentabilidade das comunidades pesqueiras na área de exhibición da conferencia Sailing towards 2020, organizada pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea (DG MARE).

Esta iniciativa realizouse coa colaboración de Farnet, entidade da Comisión Europea que asesora na implementación das medidas europeas para o desenvolvemento sustentable das áreas costeiras. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asiste hoxe e mañá en Bruxelas a este evento no que tamén estarán presentes os xerentes dos sete GACs e representantes das federacións de confrarías de Galicia.

O obxectivo desta conferencia é expor o aprendido e os éxitos da implementación do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca, que fai referencia ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Para iso, durante os dous días, a conferencia distribuirase en dous bloques, un de relatorios e de foro e outro de exhibición.

Hoxe no bloque de relatorios participará o comisario europeo de Pesca e Asuntos Marítimos, Karmenu Vella, e mañá falarase dos retos que as comunidades costeiras terán que afrontar no futuro inmediato, como por exemplo, o impacto da reforma da Política Pesqueira Común, o cambio climático e a creación de emprego, entre outros. A clausura desta conferencia contará coa participación da directora xeral da DG MARE, Lowri Evans.

Proxectos seleccionados

Os proxectos seleccionados estarán presentes na parte de exhibición que consta de 40 stands. Do total de proxectos, oito son de España e deles tres son de Galicia, en concreto do GAC 1 (A Mariña-Ortegal), do GAC 3 (Costa da Morte) e do GAC 4 (Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia).

O proxecto seleccionado do GAC 1 é Conservas Curricán, unha empresa de nova creación constituída por tres mulleres maiores de 45 anos. Consiste nun obradorio de elaboración artesanal de bonito do norte. Esta idea xorde da experiencia das promotoras na elaboración de conservas artesanais e o seu nome alude a ese xeito tradicional e sustentable de capturar peixe.

A iniciativa do GAC 3 denomínase Lo estamos pescando e consiste nunha plataforma de venda virtual ideada por pescadores e produtores de marisco das confrarías locais para diversificar a súa clientela, aportar valor engadido ao peixe e marisco galego e acurtar a cadea de distribución dos produtos pesqueiros locais.

Por outra banda, o proxecto escollido do GAC 4 é Empreamar, unha acción na que profesionais e expertos guían aos alumnos para formalos como emprendedores e desenvolver unha idea de negocio relacionada co mundo do mar. Esta iniciativa está orientada ao aproveitamento sustentable dos recursos mariños do territorio do GAC 4.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES