
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou a exposición coa que se lle rende homenaxe a Manuel Rodríguez López no Ateneo de Ourense, que chegou a ser considerado o máis insigne poeta obreiro da literatura galega do século XX. A mostra, que se enmarca nas actividades do proxecto que leva o nome do escritor, está promovida por Galicia Dixital e a familia do escritor co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Paradela, ademais da Deputación e o Concello de Lugo, a Real Academia Galega e, nesta ocasión, do centro ourensán, onde a exposición está a dispor do público ata o 31 de xaneiro.
O Goberno galego, a través do departamento de Cultura e Educación, apoia e promove diversas iniciativas para conmemorar esta efeméride e, deste xeito, renderlle un tributo ao que o conselleiro definiu como un intelectual que viviu con orgullo o sentimento de pertenza á cultura galega, á que enriqueceu con achegas moi valiosas. Xesús Vázquez Abad destacou tamén a traxectoria dun home que obrigado de neno a iniciar o camiño da emigración, atopou nese tránsito forzado conciencia, saberes e pensamentos audaces, pero que nunca abandonaría a mirada transparente do neno nado en Paradela.
O proxecto Manuel Rodríguez López, iniciado hai tres anos, está conformado por unha páxina web en galego, catalán, castelán e inglés, diversas publicacións e actividades, ademais desta mostra itinerante que xa percorreu parte da xeografía galega e o Centro Galego de Barcelona. Con el preténdese difundir a vida e obra do autor de Paradela, que con moi poucos anos emigrou a Cataluña converténdose no poeta en lingua galega que difundiu o labor dos seus paisanos na comunidade onde emigraron, constituíndo a ponte entre Galicia e Cataluña e chegando a ser considerado o máis senlleiro da literatura galega do século XX.
Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; o alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato; ademais da viúva do escritor, Irene López, o director de Galicia Dixital, Antonio Giz e a presidenta do Ateneo, Isabel Salgado.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.