Notas de prensa

Vence (BNG) dille a Feijóo que os problemas do sector pesqueiro non se solucionan indo a Bruxelas a destempo a colgarse medallas alleas

Demanda un reparto de cotas para o cerco, arrastre e xeito que non condene a estas frotas á inactividade e o desmantelamento.

O sector pesqueiro sofre unha situación de “estrangulamento e parálise da súa actividade” da que o BNG responsabiliza ao Goberno da Xunta pola súa incapacidade de anticiparse aos problemas e de negociar solucións en Madrid e en Bruxelas.

O portavoz nacional, Xavier Vence, denuncia que a situación do cerco, arrastre e do xeito, e as ameazas á industria conserveira do atún e do mexillón non var ter solución con visitas “a destempo” de Feijóo a Bruxelas cuxa única intención real é sacar réditos do traballo de outros.

“Quero dicirlle ao señor Feijóo que Galiza precisa dun goberno que anticipe os problemas, que teña unha axenda de negociación a tempo en Bruxelas e en Madrid, e que non vaia a toro pasado ben a certificar o estrangulamento do sector, ben a colgarse medallas do traballo que tivo que facer directamente o sector, no caso do xeito, cunha delegación da man do BNG”, subliñou Vence.

O dirixente nacionalista citou catro cuestións concretas que sitúan ao sector pesqueiro nunha situación límite xa en 2015.

Reparto “inxusto” das cotas de pesca para o cerco e o arrastre “que apenas dan para dous meses de actividade”, a situación do xeito con a “ínfima” cantidade de 200 toneladas de sardiña para este ano, a industria conserveira do atún coa ameaza de supresión de aranceis de materia prima procedente de Filipinas e, por último, a falta de identificación da orixe do produto na etiquetaxe que afecta ao mexillón.

No caso do xeito, lembrou tamén a proposta normativa da Comisión europea para prohibir as redes de deriva, “ameza que confíamos conxurada”, salientou Vence, tras as explicacións dadas polo sector en Bruxelas suplindo o “desleixo” da Xunta, que o próximo mércores se enfronta a primeira votación na Eurocámara.

Pero non todo se decide na UE. No caso do reparto de cotas e do fondo pesqueiro, a día de hoxe a negociación “está en Madrid ante o ministerio”, onde o Goberno galego debería negociar a favor da frota do país unha distribución das capturas de xarda, xurelo e sardiña “que non condene a nosa frota ao desmantelamento”.

En relación aos fondos de pesca, Vence avanzou que o Bloque “non comparte” que se adiquen a financiar o despece de barcos e a acuicultura intensiva. “É ir na dirección contraria do que precisa o sector, desmantelando as nosas artes de pesca tradicionais a favor da cría artificial de peixe desde a acuicultura industrial”, concluíu, tras asegurar que o BNG seguirá a defender á pesca galega con iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e na Eurocámara.

Gabinete de Comunicación do BNG, 2015-01-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES