Notas de prensa

Investiranse 37.000 euros na restauración do retablo de San Ildefonso, en Iria Flavia

Cultura e Educación inviste 37.000 euros na restauración do retablo de San Ildefonso da Capela do Bispo de Quito, na Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, co obxectivo de poñer en valor unha das pezas máis relevantes deste templo, que ten a consideración de Ben de Interese Cultural, e polo que pasa o Camiño Portugués.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou a Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, onde anunciou que o seu departamento ten previsto investir neste ano 37.000 euros na restauración do retablo de San Ildefonso da Capela do Bispo de Quito. O obxectivo é poñer en valor unha das pezas máis relevantes desta igrexa, pola que pasa o Camiño Portugués e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) e, polo tanto, merece a maior protección no ámbito do patrimonio. A Consellería ten previsto adxudicar nas próximas semanas a restauración, que ten un prazo de execución -incluído o proxecto- de 5 meses.

Segundo explicou o conselleiro, a intervención irá dirixida a resolver as patoloxías que presenta na actualidade este retablo barroco —obra de Mateo de Prado—, que representa na súa escena principal a imposición da casulla a San Ildefonso. Para iso elaboraranse mapas de estado de conservación e limparanse as pezas, eliminando os elementos alleos e aplicándolles tratamentos de desinsectación curativo-preventiva e colocando barreiras antitermes. Así mesmo recuperarase a estrutura do retablo e da súa predela —que alberga o sagrario— e realizaranse tarefas de fixación da policromía, coa aplicación dun verniz final de protección.

Durante a súa visita á Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, na que estivo acompañado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; o conselleiro comprobou ademais o resultado das melloras realizadas no retablo da Capela do Sagrario e na imaxe da Virxe de Belén deste mesmo templo. A actuación, que asumiu a parroquia cun orzamento de arredor de 40.000 euros, consistiu na limpeza e eliminación de repintados das pezas, así como na reintegración formal e cromática das mesmas, que quedaron tamén protexidas por unha capa final de verniz.

Ben de interese cultural

A igrexa parroquial de Santa María a Maior de Iria Flavia, con consideración de BIC, ten unha grande importancia no patrimonio cultural galego tanto pola súa situación- nun punto no que existiu unha mansión romana pertencente á vía XIX —que comunicaba Braga con Astorga por Tui—; como pola súa antigüidade, sendo xa no século V primitiva sé episcopal de Iria e, posteriormente, colexiata. A súa actual estrutura data de comezos do XVIII.

Entre as obras máis salientables que alberga o templo atópase a Capela do Bispo de Quito, Alonso de la Peña e Montenegro, natural de Padrón, que fora cóengo en Iria; o sepulcro do arcebispo Rodrigo de Luna; o retablo da Capela Maior e o cadeirado do coro, ambos obra de Miguel de Romay, o tallista máis prestixioso da época. No exterior da igrexa destaca a estrutura en chanzos das torres.

Cómpre sinalar que a Consellería de Cultura e Educación xa ten desenvolvido outras actuacións para a posta en valor deste templo. Non en balde, o órgano de Santa María a Maior, de tipo barroco ibérico, foi un dos participantes na rolda pola paisaxe organística galega organizada pola Consellería a través do ciclo Espazos Sonoros o pasado ano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES