
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou na Cidade da Cultura de Galicia o proxecto A viva voz, o primeiro manual da voz en formato cómic, da autoría da xornalista Isabel Pichel. A obra conta coa colaboración do departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e está ilustrada por Fonso Barreiro e prologada pola foniatra Marisa Lois e polo actor Luís Iglesia.
A presentación contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García, quen puxo de relevo a importancia dun proxecto coma este para as cuestións relacionadas coa voz e coa oralidade do galego. Participaron no acto, amais da autora, Isabel Pichel, e do ilustrador, Fonso Barreiro; o presidente da SGORL-PCF (Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cervicofacial), Andrés Soto; e mais a presidenta da AECAT (Asociación Española de Cáncer de Tiroides), Cristina Chamorro. Tamén contou coa asistencia do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.
A presentación rematou cunha mostra de exercicios de quecemento previo ao traballo coa voz incluídos no decálogo de A viva voz, da man de Faladoriña, a figura protagonista do cómic.
A viva voz
A viva voz é a primeira guía de voz en formato cómic da xornalista Isabel Pichel, con ilustracións de Fonso Barreiro, que analiza ao longo de 52 páxinas as compoñentes socioculturais que inciden na oralidade. Conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, co aval da SGORL-PCF, baixo a revisión da doutora Raquel Fernández, e co apoio de AECAT e da empresa Identia Coaching&Formación.
Describe, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e coa prevención de doenzas a través do particular camiño da voz artística e da voz non artística de Faladoriña na superación dun cancro de tiroide e ofrece, ademais, un decálogo de exercicios para faladoriñas e faladoriños que axudan no quecemento previo ao traballo coa voz.
A viva voz, que lle rende homenaxe ás orixes históricas do cómic, colabora con AECAT con cincuenta céntimos de cada exemplar vendido e poderá adquirirse a través da web faladorinhavivavoz.com, así como nas librarías das principais cidades de Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.