
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a 19ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que proxecta un total de 41 películas do 15 ao 23 de novembro en diferentes espazos co obxectivo de contribuír á promoción en Galicia do cinema actual de todas as nacionalidades e de ofrecer visibilidade á produción audiovisual galega.
Organizado polo Concello de Ourense, a carteleira do OUFF 2014 combina o labor de estímulo para a creación cinematográfica, a través dunha competición oficial á que este ano concorren dez películas participadas por 15 países (nas que este ano predomina o drama e a temática social), con outras seccións paralelas destinadas ao recoñecemento do cinema galego, á presentación de filmes inéditos na nosa Comunidade, á exhibición de documentais ou a sesións especiais centradas nas propostas máis vangardistas.
A programación completa do festival foi presentada hoxe en Ourense nun acto que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez; do alcalde Agustín Fernández; da concelleira de Cultura Ana Garrido; e da directora do OUFF 2014, Nora Sola; ademais doutros organizadores e patrocinadores do evento. Por parte da Consellería de Cultura e Educación interveu Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), entidade que presta apoio económico ao OUFF a través da sinatura dun convenio de colaboración.
Gozar do cinema
O director da Agadic referiuse á cita cinematográfica ourensá como un festival estratéxico que engade a cada unha das súas novas edicións un maior valor e interese, tanto cara aos profesionais, que teñen no OUFF un punto de encontro, intercambio e recoñecemento; como para o público, que atopa nesta iniciativa unha oportunidade adicional de gozar do cinema en pantalla grande a través de títulos novos e de escasa presenza nos circuítos comerciais.
Neste sentido, Jacobo Sutil lembrou outras iniciativas da Consellería destinadas tamén a incrementar o acceso ao cine na cidade e mesmo na provincia de Ourense, como son os casos da extensión da programación do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) que se desenvolve no Cine Clube Padre Feijoo ou a inclusión do Auditorio Municipal do Carballiño na nova rede de exhibición pública Cinemas de Galicia.
Panorámica galega
Da carteleira do OUFF, Jacobo Sutil valorou especialmente o compromiso deste encontro coa produción galega a través do apartado específico Panorama Galicia, no que este ano se proxectarán dez títulos e desde o que se renderá tributo ás primeiras tres longametraxes galegas de ficción no 25 aniversario da súa estrea. Compoñen así esta sección as proxeccións de Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; Urxa, de Xavier Villaverde, e Continental, de Alfredo G. Pinal e Carlos A. López Piñeiro, ademais de Lo que pasa al encenderese, de Roberto de la Torre; ¿Y tú qué opinas? e Eco113, as dúas de Marcos Fernández Vázquez; Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, de Luis Baños; O demais, de Manuel I. Nanin e Marta F. Alberte; Sons do Entroido, de Miguel Ángel López; Caixa Ourense. Historia dun ascenso, de Carlos Bermello Arce; e A música medieval en Galicia, o tesouro esquecido, de Fernando Reyes.
O director da Agadic destacou, así mesmo, a colaboración emprendida entre o festival e o CGAI, da Consellería de Cultura e Educación, para a cesión dos materiais audiovisuais e imaxes do No-Do relacionadas con Ourense, que se exhibirán dentro das denominadas Sesións Lixeiras que terán lugar do 15 ao 22 de novembro no Centro Cultural Ánxel Valente, un novo espazo que se suma este ano ás sedes do OUFF.
Preestrea de A esmorga
Tamén haberá representación galega na sección Sesións Especiais, na que se proxectará Linko, de José Zapata, Rafael Calvo e David Valero; e nas galas de inauguración e clausura do festival. Así, a xornada de apertura ofrecerá a preestrea da de A Esmorga como pase previo á súa entrada en cines o día 21. A adaptación cinematográfica da novela de Eduardo Blanco-Amor dirixida por Ignacio Vilar que protagonizan Antonio Durán Morris, Miguel de Lira e Karra Elejalde, e que contou para o seu financiamento con máis de 334.000 euros das axudas á produción audiovisual da Agadic, poderase ver o 15 de novembro ás 20:30 na sala principal do Auditorio Municipal ourensán. Outra obra subvencionada pola Consellería, Schimbare, de Álex Sampayo, que percibiu 180.000 euros dentro da categoría destinada a óperas primas do ano 2012, será a fita que despida o 19º OUFF o 23 de novembro.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.