Notas de prensa

Preséntase a antoloxía poética de Francisco X. Fernández: Memoria de Abril

O libro, editado en Nova York pola editorial Artepoética Press, reúne 207 pezas escolmadas da obra poética deste autor. Os poemas compilados en “Memoria de abril”, en versión bilingüe galego-castelán, foron seleccionados e traducidos pola profesora Teresa Seara, autora tamén do limiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolleu, na sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a rolda de prensa de presentación da obra “Memoria de abril”, a antoloxía da obra poética de Francisco X. Fernández Naval publicada en Nova York pola editorial Artepoética Press. Nesta presentación aos medios participaron o secretario xeral, Valentín García Gómez, e mais o autor.

“Esta nova publicación en lingua galega no exterior é mostra da importante proxección do noso idioma propio no mundo. O feito de que unha editorial estadounidense aposte por dar a coñecer as obras dos nosos autores supón que as nosas letras gañen e consoliden un espazo de seu no marco do panorama internacional”, manifestou o secretario xeral.

‘Memoria de abril’

“Memoria de abril” é unha antoloxía da obra poética de Francisco X. Fernández Naval, publicada pola editorial Artepoética Press de Nova York, que dirixe o profesor e escritor Carlos Aguasaco e que traballa o universo do lector hispano nos Estados Unidos. Un selo editorial que nos seus dous anos de vida xa conta cunha boa nómina de títulos e de autores no mercado.

O libro recompila 207 poemas, en versión bilingüe galego-castelán, seleccionados e traducidos pola profesora Teresa Seara, autora tamén do limiar da obra. Nel recóllense poemas dos traballos poéticos publicados polo autor: A fonte abagañada (1980), Pavillón habitado (1997), Días de cera (1999), Mar de Lira (2005), Miño (2008), Bater de sombras (2010) e Suite Dublín (2011). Foi presentado polo autor recentemente no Festival de Poesía que organizou a editora e que reuniu 60 autores de 15 países.

Francisco X. Fernández Naval

Francisco Fernández Naval (Ourense, 1956) é poeta e narrador. Recibiu o premio de poesía Cidade de Ourense (1980) por A Fonte Abagañada (1980) e Miño (2007), o Premio Xerais de Novela por O bosque das antas (1988) e o Premio Fiz Vergara Vilariño por Bater de sombras (2010). Como poeta tamén publicou Pavillón habitado (1987); Ara Solis (1996, edición bilingüe francés-galego e, posteriormente, castelán); Días de cera (1999) e Mar de Lira (2005). Ademais, é autor das novelas Tempo de crepúsculo (1993), Sombras no labirinto (1997), Unha cita no aire (2005) e Suso Espada, o misterio do Grial (2002), Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro (2008) e A noite branca (2012, merecente do Premio Irmandade do Libro na categoría de Mellor libro galego de 2012, outorgado pola Federación de Libreiros) e dos libros de relatos Historias roubadas (1998), Lendas de hoxe, soños de mañá (2001) e Sete noites e un amencer (2003).

Como ensaísta publicou Respirar polo idioma –Os galegos e Julio Cortázar– (2006), editado en castelán en Bos Aires (2007). Escribiu guías e libros de viaxe como Unha viaxe na procura do solpor –Do Tambre á fin da Terra- (2000), A Coruña monumental e turística (2002), Muros, ronsel de pedra, espiral de mar (2003) e Pereiro de Aguiar y la Ribeira Sacra ourensá (2008). É coautor das guías patrimoniais das provincias da Coruña e de Ourense publicadas por Caixanova, así como de Galicia. Rutas con sabor, promovidas por El País-Aguilar. Destinado ao público infantil, escribiu o libro No corazón da fraga (2001), traducido ao castelán.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES