
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de apertura oficial do Encontro Castelao. Nova interpretación do seu pensamento. Este curso, promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e mais pola da Fundación Castelao, desenvolverase ata o mércores 5 de novembro no Museo da Madeira e do Moble-MOME estradense e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como coa da Deputación de Pontevedra e coa das tres universidades galegas.
Amais de García Gómez, participaron no acto inaugural o presidente da Fundación Castelao e director do Encontro, Carlos Mella; o director da UIMP de Galicia; Domingo Bello Janeiro; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o alcalde da Estrada, José López Campos.
Castelao. Nova interpretación do seu pensamento
O Encontro Castelao. Nova interpretación do seu pensamento diríxese principalmente ao estudo do pensamento de Castelao e á súa aplicación á nova realidade galega, constatando a súa vixencia para a análise desta realidade.
O programa de sesións de hoxe inclúe unha conferencia de Xesús Alonso Montero arredor da estadía de Castelao na Unión Soviética. Mañá, unha de Xusto Beramendi centrada en Castelao e a política abrirá a xornada, seguida doutra de Miguel Anxo Seixas sobre a estadía de Castelao en Nova York e doutra na que Henrique Monteagudo afondará na figura do rianxeiro e o idioma galego.
A derradeira sesión abrirase, o mércores, coa conferencia Castelao e o home galego, de Marcial Gondar Portasany; á que seguirá Que nos queda de Castelao?, da man de Lourenzo Fernández Prieto. A mesa redonda Encontros contemporáneos. Virxinia e Castelao, na que participarán Xosé Neira Vilas, Ana Acuña e Xabier Baltar, clausurará este curso, que se completará cun roteiro polo Pazo de Oca e pola Torre de Guimarei.
Toda a información en http://www.uimp.es/uxxiconsultas/ficheros/5/27083CASTELAO.pdf.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.