Notas de prensa

O programa Conecta 72 asegura o seguimento asistencial aos pacientes logo de recibir a alta

Sanidade activa o programa Conecta 72, que asegura o seguimento asistencial a todos os pacientes nas horas posteriores a recibir unha alta hospitalaria: todos os enfermos que sexan dados de alta nun hospital recibirán nas 72 horas seguintes unha consulta telefónica por parte do persoal de enfermaría do seu centro de saúde.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do programa Conecta 72 para garantir o seguimento asistencial dos pacientes nas horas posteriores a recibir unha alta hospitalaria, e que dá cumprimento a un dos compromisos adquiridos no Debate sobre o Estado da Autonomía.

Segundo indicou, esta iniciativa beneficiará aproximadamente preto de 230.000 cidadáns que cada ano reciben unha alta hospitalaria. No tocante ao procedemento, precisou que todos os pacientes que sexan dados de alta nun hospital recibirán nas 72 horas seguintes unha consulta telefónica por parte do persoal de enfermaría do seu centro de saúde. É dicir, no momento da alta xerarase de forma automatizada unha cita de consulta telefónica na axenda de enfermaría de atención primaria, no centro de saúde correspondente, para que se poña en contacto co paciente, subliñou.

Cómpre salientar que na chamada, o profesional valorará distintos aspectos importantes no seguimento posterior como, por exemplo: os diagnósticos pendentes de resolver, de habelos; o coñecemento e o manexo, se procede, da medicación prescrita, as drenaxes, as curas, as vías, as sondas, a osixenoterapia; e a confirmación e orientación das citas pendentes que aparecen no informe de alta.

Logo de destacar que todos os datos obtidos desta consulta, máis as intervencións realizadas, quedarán rexistrados na historia clínica electrónica do paciente, o responsable do Goberno galego incidiu en que coa activación deste programa ponse en marcha unha iniciativa innovadora que garantirá a continuidade asistencial daqueles pacientes que son dados de alta en hospitalización.

O programa ‘Conecta 72’ comezará de forma pioneira nun centro de saúde por cada área de xestión e, posteriormente, estenderase a todos os centros durante o ano 2015. Nesta liña, salientou que se trata dun sistema que ten múltiples beneficios. En primeiro lugar, sinalou, mellora a calidade asistencial despois da alta hospitalaria; aumenta a relación entre os pacientes e os profesionais sanitarios, especialmente de atención primaria; facilita e axiliza a integración e continuidade nos coidados dos doentes tras a alta; e, igualmente, contribúe a prever e intervir precozmente ante os problemas de saúde que poidan xurdir despois dunha alta hospitalaria.

Blindar e mellorar a Sanidade pública

Durante a rolda de prensa, Feijóo ratificou o compromiso do Goberno galego por blindar e mellorar a Sanidade pública e, ao respecto, destacou que hoxe 8 de cada 10 euros dos orzamentos da Xunta se dedican aos servizos públicos esenciais, nunha maior parte á Sanidade.

Lembrou, así, o impulso dado ás infraestruturas sanitarias e, nesta liña, destacou o obxectivo de construír 15 novos centros de saúde nesta lexislatura, dos que 12 xa están licitados, adxudicados ou iniciados, e que se suman aos case 30 construídos ou reformados nos últimos anos. No tocante aos centros hospitalarios, sinalou que neste momento se está a construír o edificio de hospitalización do Hospital de Ourense; que está en fase de licitación a ampliación do Hospital público do Salnés; que continúan as obras para remodelar a zona cirúrxica do CHUAC, unha vez posta en funcionamento a nova área de Urxencias; e que está a piques de finalizar nos vindeiros meses o maior hospital público de Galicia, que é o Hospital público de Vigo.

Ademais do avance na modernización das infraestruturas, Feijóo referiuse tamén á necesidade de proseguir coas distintas medidas que se traducen en mellores prestacións sanitarias para os cidadáns, desde a redución das listas de espera, especialmente para doenzas graves, ata a posta en marcha das vías rápidas para patoloxías oncolóxicas, ou o proceso de modernización tecnolóxica do Sergas.

Así mesmo, destacou o traballo co sector na estratificación poboacional por riscos, un procedemento polo cal se identifica e agrupa a toda a poboación de Galicia polo seu risco de poder enfermar, para poder estar mellor preparados e garantir unha mellor atención. E, recordou os novos dereitos recollidos na Lei de prestacións sanitarias, “ a Lei de seguro público de listas de espera”, da que dixo que está xa no Consultivo o decreto referido ás instrucións previas e que proseguirá co calendario previsto para aprobar o decreto sobre o dereito á segunda opinión e libre elección de médico, e o de tempos máximos de espera.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES