Notas de prensa

Celébrase en Poznan o XX aniversario do Grupo Compostela de Universidades

O evento terá lugar na Universidade Adam Mickiewicz en Poznan (Polonia) e contará coa participación das tres universidades galegas. O Grupo Compostela estreará nesta especial ocasión os “Diálogos de Compostela sobre Educación Superior”.

A Universidade Adam Mickiewicz en Poznan (Polonia) acolle os días 25 e 26 de setembro a celebración da XX Asemblea Xeral e XX Aniversario do Grupo Compostela de Universidades. Máis de sesenta reitores, vicerreitores e outros representantes das 67 universidades de 28 países diferentes que forman o Grupo Compostela confirmaron xa a súa asistencia ao evento, no que participarán as tres universidades galegas e a Xunta de Galicia a través do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

No acto conmemorativo para celebrar os vinte anos de funcionamento da Rede, intervirán representantes de institucións clave para o seu desenvolvemento, coma o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, que tratará o papel das redes universitarias para o establecemento de sinerxías na educación superior e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, que destacará a relevancia do Camiño de Santiago para a transmisión de valores sociais e culturais ao longo de Europa. Ademais, homenaxearase ás universidades fundadoras do Grupo Compostela (entre as que se conta a institución anfitrioa) e aos membros dos Comités Executivos da Asociación dende 1994 á actualidade. Entre os últimos, áchanse os anteriores reitores da Universidade de Santiago de Compostela durante o tempo de existencia do Grupo, entre os que se contará coa presenza de Juan Casares Long e Darío Villanueva.

A celebración do Aniversario terá lugar durante a Asemblea anual do Grupo Compostela. Ademais do devandito acto conmemorativo, no marco da Asemblea trataranse asuntos internos da Rede, celebraranse dous seminarios paralelos sobre investigación e mobilidade interuniversitaria e terá lugar a primeira edición dos “Diálogos de Compostela sobre Educación Superior”. Esta iniciativa consiste na celebración do primeiro dunha serie de eventos nos que se tratarán de forma monográfica liñas temáticas transversais de relevancia para as institucións de educación superior no plano global. Baixo o título, “Promoción do capital social, a saúde e o desenvolvemento na universidade no seu conxunto”, o venres 26 a partir das 14.00 horas, os participantes asistirán a unha serie de conferencias e debates arredor da importancia de transmitir valores a través do ensino universitario, nun modelo no que estes se combinen de forma harmoniosa cos coñecementos e as habilidades que os titulados superiores deben posuír para contribuír axeitadamente ao benestar e ao progreso da sociedade, así como para previr os problemas de corrupción que teñen afectado ás sociedades europeas nos últimos anos. Como conclusión do evento, elaborarase e adoptarase unha posición conxunta dos 67 membros do Grupo Compostela, a “Declaración de Poznan”, que se fará chegar tanto a instancias políticas como a medios de comunicación, buscando un verdadeiro impacto social.

Como en ocasións anteriores, a reunión anual do Grupo terminará coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. O galardoado nesta XVIII edición é o científico sueco Lennart Levi, a quen se recoñece a súa traxectoria interdisciplinar na investigación sobre o estrés e outras enfermidades psicosociais. Doará a suma do premio (6.000 euros) á ONG “Médicos Sen Fronteiras".

Compostela Group of Universities, 2014-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES