
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director de I+D+i de PSA Peugeot Citroën, Jean Marc Finot, participaron nunha xornada de traballo no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), na que Conde destacou que os proxectos innovadores conxuntos do centro e o xigante galo colocan a Galicia á vangarda da innovación no sector da automoción.
A presenza de Finot en Vigo, resaltou o conselleiro, responde á confianza no traballo desenvolvido por Galicia en proxectos xa en marcha e abre as portas a novos proxectos en colaboración con CTAG. Conde subliñou neste senso a estreita relación entre a empresa, o centro tecnolóxico e a Xunta de Galicia, unha alianza determinante para o futuro de Galicia fundada sobre o talento, sobre a innovación e sobre un traballo compartido que xa está a dar froitos. Así, destacou que os proxectos de innovación que están a levar a cabo CTAG e PSA reforzan a competitividade da compañía e da factoría de Balaídos, e son o primeiro paso cara a un marco estable de colaboración no futuro.
Ese triángulo de excelencia, sinalou, xa comezou a dar os seus froitos co traballo que está a realizar o centro tecnolóxico en colaboración con PSA Peugeot Citroën, concretado en avanzados proxectos de innovación que Finot e Conde comprobaron in situ. A experiencia do CTAG, e en especial o seu novo Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, cuxa construción a Xunta apoiou con 10 millóns de euros, converteron a Galicia na mellor opción para desenvolver novas tecnoloxías do automóbil, defendeu.
Conde salientou o traballo que nas instalacións viguesas están a realizar os especialistas do CTAG, apoiados por varios laboratorios, un simulador e unha pista de probas que, destacou, pon a Galicia no grupo de vangarda das novas tecnoloxías do vehículo conectado e do vehículo autónomo. Esa é a dirección, resaltou, na que PSA Peugeot Citroën, CTAG o e a Xunta reforzarán aínda máis o seu traballo conxunto.
Subliñou ademais a aposta do Goberno galego polo CTAG e pola colaboración entre o centro e a factoría de Balaídos, como resposta á vontade expresada polo presidente do Goberno galego de atraer a Galicia proxectos de I+D+i de grandes empresas, e á necesidade de potencia a transferencia de coñecemento para crear emprego e riqueza. E neses obxectivos, defendeu, Vigo e PSA son dous socios naturais, que xuntos fan do ecosistema innovador vigués o mellor lugar para desenvolver os proxectos conxuntos que están por vir, aínda máis ambiciosos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.