
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, presentaron no Centro Cultural Marcos Valcárcel a IX Feira do Viño de Monterrei, un evento que se celebrará en Verín do 8 ao 10 de agosto e que converterá estes días á vila verinesa e á comarca de Monterrei no gran escaparate dos viños desta denominación de orixe, segundo afirmou o presidente provincial, engadindo que este evento potencia a calidade e incrementa a promoción destes caldos grazas ao traballo que están a realizar o consello regulador, os adegueiros, os viticultores e o Concello de Verín coa difusión desta feira.
Pola súa banda, Juan Jiménez dixo que a feira pretende conxugar gastronomía, música e viño, nun evento que ten como obxectivo promover o desenvolvemento social e a cultura do viño, así como actividades deportivas e de enoturismo para fomentar o achegamento de visitantes e impulsar a imaxe da nosa comarca. Antonio Ángel Méndez explicou que a D.O. Monterrei está a ter unha importante proxección nacional e internacional así como destacados recoñecementos, tanto en viños brancos como tintos. Detallou que o 15 % da produción expórtase ao exterior, concretamente a 22 países.
Na feira participan dez adegas e tamén dez restaurantes, que ofrecerán menús especiais durante estes días. Ademais, o programa, que se desenvolverá na Praza da Mercé, inclúe o acto de inauguración que terá lugar o día 8 de agosto, ás 20.00 horas, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, e o acto de imposición das medallas Confraría dos Viños de Monterrei, que se celebrará na Igrexa dos Mercedarios, unha distinción que se outorga a persoeiros que, polo seu labor, teñen contribuído ao impulso desta denominación de orixe. O programa complétase con actividades lúdicas e musicais, degustacións e xornadas enogastronómicas con propostas especiais en establecementos hostaleiros colaboradores.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.