Notas de prensa

A colección Iconas rusas, no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela

O conselleiro de Cultura e Educación cualificou a mostra de 40 pezas dos séculos XV ao XX, de gran valor histórico e artístico como “un novo vencello da capital de Galicia e da meta europea da espiritualidade cos importantísimos movementos de tradición creativa do noso continente”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición ‘Iconas rusas, presentación dunha colección’. Trátase dunha selección de máis de 40 pezas de gran valor histórico e artístico procedentes da colección de 263 iconas rusas, datadas entre os séculos XV e XX, que lle foron cedidas ao museo por un coleccionista particular para a súa custodia e exhibición pública.

O conselleiro mostrouse satisfeito desta exhibición xa que é –dixo–“unha ponte de unión entre destino e as formas de devoción e de expresión da cultura rusa, na vertente da súa interpretación colectiva da relixiosidade, arredor da confesión ortodoxa”. Ademais, “trátase dun novo vencello da capital de Galicia e da meta europea da espiritualidade cos importantísimos movementos de tradición creativa do noso continente”.

Vázquez Abad tamén aproveitou a ocasión para agradecerlle a quen depositou esta confianza na institución e facilitou, en réxime de comodato, esta valiosísima colección de iconas que “estreita os vínculos –dixo– cunha cultura que comparte o tronco coa nosa propia cultura”. Xunto co conselleiro ao acto tamén asistiron a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua e o director do Museo das Peregrinacións, Bieito Pérez.

A grandes trazos, as iconas que forman parte da colección pódense agrupar en catro tipoloxías: domésticas, de viaxe, de culto e de iconostasio. Desde un punto de vista iconográfico, a colección abrangue un amplo abano de temas: o dogma da Santísima Trindade, representacións de Cristo, a figura da Virxe, santos de gran devoción, santos patróns da zona así como as festas do calendario litúrxico ortodoxo ou representacións bíblicas do Novo e do Antigo Testamento.

A icona rusa

A icona é un produto da igrexa oriental dende os primeiros séculos do cristianismo, logo de superadas as etapas anicónicas. A súa produción como obxecto de culto acabará estendéndose polos territorios que adoptaron a tradición da igrexa ortodoxa aínda que tamén existen, en moito menor número, na igrexa católica.

En Rusia, a icona acostuma a pintarse en madeira de tileiro, aínda que tamén as hai sobre papel, en lenzo, pintadas ao fresco, esculpidas en madeira, fundidas en metal, bordadas sobre tea etc., oscilando moito os tamaños entre as máis diminutas, que servían para portar no peto e facilitar a oración nas viaxes, e outras de gran tamaño para decorar grandes iconostasios ou as paredes de grandes templos. Moitas iconas rusas son verdadeiras xoias de ourivería por apareceren enriquecidas pola aplicación de forros metálicos denominados oklad, realizados maioritariamente en prata ou en cobre.

O interese da colección

A incorporación destes fondos á colección do Museo das Peregrinacións e de Santiago ofrece a posibilidade de establecer diálogos cruzados entre dúas culturas e dúas sociedades que aplican distintas ópticas á produción artística ao longo da historia. A mostra resulta igualmente de interese para axudar na transmisión de valores relacionados coa diversidade e coa interculturalidade que están presentes na vocación do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Ao mesmo tempo, ofrece posibilidades no que se refire á aprendizaxe, ao estudo e á investigación, ao poñer ao alcance do colectivo docente e investigador un conxunto de bens culturais ricos en información técnica, artística, documental e histórica á que non resulta moi doado acceder.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES