Notas de prensa

Cultura únese a homenaxe a Rosalía de Castro polo 129º aniversario do seu pasamento

No acto institucional promovido pola Fundación Rosalía de Castro, o secretario xeral de Cultura referiuse no espazo común arredor da escritora como “un ben central da nosa cultura” e recordou que “moito do que hoxe somos llo debemos ao que ela nos anticipou”.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, sumouse á homenaxe a Rosalía de Castro que tivo lugar na Casa-Museo da escritora, en Padrón, con motivo do día no que se cumpren 129 anos do seu pasamento.

Durante o acto institucional, Anxo Lorenzo agradeceulle á Fundación Rosalía de Castro “esta chamada á reunión, arredor da palabra e da música, da poesía, como un acto para o non esquecemento da escritora”, “unha celebración conxunta” que tamén destacou como “unha oportunidade para falar da nosa construción cultural, da capacidade creativa en diálogo co colectivo, do valor e das inquedanzas arredor da lingua galega”.

Un espazo común arredor de Rosalía

“É significativo que nesas reflexións arredor de Rosalía de Castro xurda sempre un espazo común, no que están poetas, institucións e sociedade en xeral, sen exclusión e sen dogmatismos”, afirmou. Nese sentido, Anxo Lorenzo salientou a capacidade da escritora “de chegar a todos e a todas”, ao tempo que se referiu a ela como “un ben central na nosa cultura compartida”. “Dalgunha maneira –engadiu–, ela é capaz aínda hoxe de abrirnos os ollos á existencia dunha cultura galega propia e singular, cunha raíz milenaria que paga a pena cultivar e facer medrar”.

Na súa intervención, o secretario xeral tamén recordou que “hai moito no que hoxe somos que lle debemos ao que Rosalía nos anticipou, aos camiños que ela abriu”. “Por iso –dixo–, saudamos con gratitude, cada ano, as voces que se unen a esta celebración, con novos versos e novos tons, para seguir revitalizando a súa achega e poñendo a súa voz na actualidade”.

O acto de homenaxe á escritora, que congregou na Casa-Museo Rosalía de Castro numerosas personalidades do ámbito cultural e político, tamén foi o escenario da presentación das obras gañadoras do II Premio Escolar Rosalía de Castro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-07-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES