Notas de prensa

Budiño, Luar na Lubre e Susana Seivane, no XXX Festival Intercéltico do Morrazo

Budiño, Luar na Lubre e Susana Seivane encabezan o cartel musical que se desprega o 25 e 26 de xullo na localidade de Moaña. A Consellería de Cultura e Educación participa en Moaña a presentación do XXX Festival Intercéltico do Morrazo que dá cabida aos novos talentos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na presentación da nova programación do Festival Intercéltico do Morrazo, un dos encontros pioneiros na promoción e difusión da música folk en Galicia, que celebrará a súa trixésima edición o 25 e o 26 de xullo en Moaña.

Para encabezar o cartel deste ano, a organización do Intercéltico apostou por tres destacados embaixadores da música galega de raíz tradicional: Budiño, Luar na Lubre e Susana Seivane. Ademais, os novos talentos tamén terán cabida neste escenario, como é o caso do grupo coruñés SeisPorOito, que actuará en Moaña tras gañar o concurso para grupos noveis organizado polo festival. Así mesmo e como oferta paralela ás citas musicais, incorpórase unha feira de artesanía tradicional con vinte postos de venda que reunirán comerciantes chegados de diferentes puntos de España.

A programación completa foi desvelada hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Moaña e na que o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, participou en nome da Consellería de Cultura e Educación. Na presentación tamén interviñeron a concelleira de Cultura de Moaña, Colomba López Freire, e a deputada provincial de Pontevedra Begoña Estévez Bernárdez, así como Xosé Manuel Budiño e os representantes de Luar na Lubre.

Traxectoria ininterrompida

O director da Agadic trasladoulles aos organizadores os parabéns da Consellería de Cultura por estes trinta anos de traxectoria ininterrompida, que “xunto cunha programación de calidade e a implicación popular, converten ao Intercéltico nun referente dentro do panorama xeral de festivais de Galicia”, asegurou.

O labor de difusión e de creación de novos públicos para a música galega, a promoción dos artistas emerxentes ou o seu valor decisivo para a industria musical foron algúns dos puntos que remarcou Jacobo Sutil á hora de valorar a relevancia deste tipo de festivais, que ofrecen ademais un retorno económico para o sector servizos das localidades onde se desenvolven.

Recoñecemento do valor cultural e económico

Neste sentido, explicou que, tendo en conta precisamente o carácter estratéxico deste tipo de eventos tanto a nivel cultural como económico, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria articula diferentes vías de colaboración cos seus organizadores, entre as que mantén unha liña específica de subvencións –convocada desde 2012 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais– como canle estable de apoio público aos festivais musicais e escénicos que se celebran cada ano en Galicia.

O director da Agadic incidiu, así mesmo, no rol do Festival Intercéltico como unha das plataformas que funcionou como “xermolo e catalizador” do chamado ‘boom’ do folk galego, “unha eclosión que –engadiu– serviu en gran medida para sentar as bases do que é a nosa actual industria musical e para lle amosar ao mundo todo o seu potencial”.

Neste sentido, subliñou que este traballo compartido entre artistas, programadores, empresas e administracións continúa hoxe en día a dar os seus froitos, entre os que destacou a celebración o vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela de Womex, o meirande mercado internacional para as músicas do mundo: “Todo un fito que non sería posible se non contásemos cunha vizosa tradición e cunha industria musical na que os festivais de folk desempeñan unha función determinante”, afirmou.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES