
Eugenia Osterberger. Unha compositora galega na Belle Époque é o título da charla-concerto que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, organiza co obxectivo de colaborar na difusión do legado da artista e no recoñecemento ao seu labor no ámbito da música.
As investigadoras Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos serán as encargadas de achegar o público á vida desta artista do século XIX e ao seu legado no ámbito da música culta galega de raíz popular, no marco dunha sesión que terá lugar o 12 de xuño, ás 19 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, vila natal da compositora.
Para isto, o programa inclúe os relatorios Achegamento á biografía de Eugenia Osterberger, no que Rosario Martínez percorrerá a traxectoria vital da compositora, e A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á creación musical galega, no que Beatriz López-Suevos analizará a relevancia da súa produción musical no contexto da época.
A sesión concluirá cun concerto no que López-Suevos, ao piano, e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán as pezas da compositora Ma mi dicesti, op. 158 (aria), Ove sei? (canción italiana), ¡Adiós a Galicia!, Ausencia, Falas de nai (melodías galegas) e Cantigas y Melodías Gallegas.
Contribución á creación musical galega
A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á consolidación da música culta de raíz galega é aínda unha gran descoñecida para o público galego, pero tamén para os intérpretes e estudos actuais. As súas composicións fíxanse en dous repertorios: o de piano solista, con pezas líricas e bailes de salón, e as cancións ou melodías galegas para voz e piano, nas que mostra o seu interese e compromiso co valor do patrimonio popular, da lingua e da cultura propias. Estas composicións contribuíron á creación dun legado musical galego no ámbi¬to culto, onda o amplo repertorio de autores recoñecidos como Marcial del Adalid, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, José Baldomir, Andrés Gaos ou Enrique Lens.
Recuperación do patrimonio musical
Para contribuír á recuperación e a un maior coñecemento do patrimonio musical, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén promovendo iniciativas como esta charla-concerto arredor da compositora Eugenia Osterberger. Nos últimos anos, e con este mesmo obxectivo, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén promoveu iniciativas como a primeira gravación da obra sinfónica completa de Jesús Bal y Gay, presentada en 2012 na Cidade da Cultura no marco dunha sesión que reuniu algúns dos principais investigadores da obra do compositor lucense, e colaborou coa publicación dun volume con partituras inéditas do mestre de capela Matías García Benayas, do arquivo musical da catedral de Tui, a cargo do compositor e musicólogo Joam Trilho.
A música e a cultura na vida de Eugenia Osterberger
A compositora Eugenia Osterberger Luard (Mme. Saunier) naceu en Santiago de Compostela en 1852. A súa familia materna era galega, súa nai era a coruñesa Emilia Luard Álvarez, e seu pai o litógrafo e gravador Jorge Osterberger. A súa educación musical temperá e unha instrución académica moi superior á que habitualmente recibían as mozas daquela, xunto coa súa predilección polo piano desde cativa, levárona a inter¬pretar e asinar múltiples obras que foron editadas en París, na Coruña e en Madrid.
En 1879 casou con Francisco Saunier e estableceuse na Coruña, onde mantivo unha participación activa desde o punto de vista cultural e social, sen renunciar á súa dedicación á composición. Formou parte das ini¬ciativas promovidas por Emilia Pardo Bazán e outros intelectuais da cidade, como a fundación do padroado das Colonias Escolares, do que foi secretaria ata que mar¬chou de Galicia na primeira década do século XX. Tamén foi académica correspon¬dente da Real Academia Galega desde o ano fundacional.
A finais de 1907 traslada a súa residencia á Costa Azul francesa. Non se coñece a data exacta da súa morte, aínda que sabemos que foi posterior a 1914.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.