Notas de prensa

O Goberno galego destaca o avance do sector turístico en la Semana Santa de 2014

O presidente da Xunta asegura que o turismo é un dos piares da recuperación económica galega e di que no nivel medio de ocupación acadou o 55,7% nos hoteis de Galicia, superando as previsións e situándose 9 puntos por riba dos datos acadados na Semana Santa de 2013.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na rolda de prensa do Consello, a mellor evolución do turismo en Galicia durante a Semana Santa, e apuntou a este sector como “un piar importante na senda da recuperación da economía galega”. Segundo precisou, o comportamento turístico da comunidade mellorou respecto ás previsións iniciais, en comparación co mesmo período do pasado ano e en relación ao resto de España.

Deste xeito, e máis polo miúdo, Feijóo referiuse nun primeiro termo ao nivel de ocupación medio, que acadou o 55,7 por cento para o conxunto dos hoteis de Galicia, superando en 3,4 puntos porcentuais as previsións iniciais do sector e situándose algo máis de nove puntos porcentuais por riba das cifras obtidas no pasado ano (na Semana Santa de 2013 a ocupación media foi do 46,4 por cento para toda Galicia). Ademais, asegurou que a comunidade rexistrou unha suba máis ampla que no resto de España, posto que en Galicia o turismo subiu un 9 por cento mentres que no conxunto do país o incremento foi do 7 por cento.

Así mesmo, e como xa apuntaban as previsións, dixo, as ocupacións acadadas foron máis elevadas nos establecementos de maior categoría: nos hoteis de catro e cinco estrelas a ocupación media situouse no 69 por cento; e, no resto das categorías, as ocupacións medias oscilaron entre o 48 por cento dos establecementos dunha estrela e o 53 por cento nos establecementos de tres estrelas.

Ademais de subliñar que case o 70 por cento dos hoteis consultados sinalan que os seus resultados foron iguais ou mellores que na Semana Santa de 2013, Feijóo referiuse tamén ao comportamento do sector termal, que obtivo moi bos resultados durante a Semana Santa, cunha ocupación media do 85 por cento.

Segundo o presidente da Xunta, estas cifras constatan que os resultados da Semana Santa teñen sido “máis positivos do esperado e moito mellores que os do ano pasado”, o que permite extraer tres conclusións: o comportamento turístico de Galicia mellora respecto ás previsións iniciais, mellora respecto ao pasado ano, e rexistra unha mellor evolución que no resto de España.

O responsable autonómico situou as causas desta mellora na recuperación do turismo nacional, xa que, segundo dixo, os establecementos constatan unha alta presenza de turistas nacionais en Galicia. Esta recuperación, engadiu, permitiu ademais en algunhas zonas o aumento de prezos con respecto ao ano pasado, o que incrementa a rendibilidade do sector.

Feijóo concluíu incidindo en que esta evolución positiva ao longo da Semana Santa, unido á que xa se constatara durante o pasado verán, fai pensar no turismo como un piar fundamental da recuperación.

Datos positivos

A nivel territorial, e segundo datos do propio sector hostaleiro, as provincias de maior ocupación foron Lugo, cun 71,7 por cento, e Ourense, cun 69,9 por cento. Na provincia da Coruña o nivel de ocupación situouse no 57,3 por cento, mentres que en Pontevedra foi do 48,5 por cento.

No tocante ás cidades, na Coruña a ocupación foi 76,1 por cento, o que supón un incremento do 15 por cento con respecto ao ano 2013, e unha suba media de prezos dun 10 por cento. E, en Lugo, acadouse un 81,3 por cento, 10 puntos máis que a Semana Santa do ano 2013. Por outra banda, destacou, tamén, os bos datos turísticos rexistrados en zonas desta provincia como a montaña luguesa, 25 puntos máis que en 2013, pasando dun 62 por cento a un 87 por cento; en Lugo centro, cun 90 por cento, 15 puntos máis; ou na Mariña luguesa, cun nivel de ocupación do 83 por cento.

No caso de Ferrolterra, precisou que a ocupación media foi do 95 por cento o Xoves Santo e o Venres Santo, e dun 80 por cento o sábado e o domingo. E, na provincia de Pontevedra, destacou que a suba sitúase entre o 5 e o 10 por cento. Así, na área de Vigo a ocupación media en Semana Santa foi do 60 por cento, cun incremento entre o 5 e o 7 por cento con respecto ao pasado ano; e en Vilagarcía de Arousa, foi do 95 por cento.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (carlos-nunez-2025.jpg) Os Concertos do Xacobeo achegan a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas coa súa nova e singular xira 'Lugares Máxicos 2025'. O artista actuará no marco incomparable do Adro do Santuario da localidade ourensá o xoves, 17 de xullo, contra ás 20,00 horas. Os Concertos do Xacobeo danlle tamén cobertura a outras oito citas do músico este verán noutros escenarios únicos como Baiona, Ribadeo, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, Boqueixón, Marín, Sober e Sobrado.
Foto de la tercera plana (enfermidades-raras.jpg) O Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 na que se van investir 400 millóns de euros e que vai reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal. O obxectivo é desenvolver un conxunto de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida destes pacientes que sofren este tipo de doenzas durante os próximos cinco anos. Unha das principais novidades será a avaliación de resultados en saúde para medir a calidade de vida, as funcionalidades recuperadas, a autonomía ou a redución da dor e dos síntomas, con cada un dos tratamentos.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo, coordinadas polo catedrático Jesús Simal Gándara.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES