Notas de prensa

Feijóo plantexa a creación do lobby galego-panameño para acordos económicos

Feijóo avoga por crear un lobby galego-panameño e pídelles aos empresarios galegos no país centroamericano que teñan en conta a competitiva oferta de produtos da comunidade en moitos sectores. Lembra que no último ano as exportacións da nosa autonomía a Panamá medraron nun 13%.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarouse partidario da existencia dun “lobby” galego-panameño que actúe a favor da internacionalización da nosa economía no país centroamericano e reclamoulles aos empresarios galegos alí afincados que teñan en conta a oferta competitiva de produtos da comunidade en moitos sectores. “Gustaríame que, da mesma maneira que vostedes están traendo os seus produtos, as súas manufacturas, de calquera lugar de Asia ou de calquera lugar de Norteamérica, pensen que en Galicia estamos a facer moitas cousas”, resaltou o mandatario autonómico.

Durante o encontro empresarial "España-Panamá. Oportunidades de investimento e internacionalización", o titular do Executivo autonómico expresou o compromiso da Xunta de seguir acompañando aos empresarios galegos que queiran investir nese Estado, e pediulles aos empresarios galegos radicados alí que “lle dean oportunidades aos galegos”. “Teño que pedirlles que vostedes teñan en conta nas súas decisións económicas, a posibilidade de pedir a oferta aos seus colegas que están a traballar en calquera lugar de Galicia”, salientou.

O presidente autonómico lembrou que Galicia e Panamá xa incrementaron as súas relacións comerciais no último ano, cando as exportacións da nosa autonomía ao país americano medraron nun 13% e subiron, ao mesmo tempo, un 14% as empresas que por primeira vez tiveron unha exportación concreta a esa nación.

O mandatario galego aplaudiu a recente posta en marcha da Asociación de Empresarios Galegos en Panamá, “unha decisión intelixente, -dixo-, que o Goberno galego quere saudar e quere agradecer”. Feijóo recoñeceu que “os galegos sentímonos orgullosos do que somos e temos unha enorme ambición por ser mellores”, polo que avogou por “non perder este século de presenza en Panamᔠe por poñer a “enorme potencialidade económica de Galicia” á disposición deste país.

Nesta liña, asegurou que, en Panamá, Galicia ten posibilidades “que se abren xa e que xa están abertas”, vinculadas á ampliación do Canal. “Para Panamá é unha enorme posibilidade económica que pode modificar substancialmente aínda máis este país, pero nós somos o porto de entrada en Europa” con cinco portos de interese xeral, manifestou. Alegou, ao respecto, que Vigo “é o primeiro porto pesqueiro de Europa”, xunto co da Coruña, destinado a graneis e líquidos; o de Marín (Pontevedra), un porto de mercancías abrigado; ou o de Ferrol, para tráfico de contenedores e cunha actividade naval importante.

“Temos, en consecuencia, que poñer a disposición os nosos portos e tentar chegar a acordos, tentar chegar a joint ventures, no que a mercancías se refire, entre América e Europa”, aseverou. “Imos traballalo porque a duplicación da capacidade do canal pódenos dar unha gran capacidade de ser receptores e un hub internacional entre os dous continentes”, precisou.

Xunto con isto Feijóo subliñou que Galicia e Panamá teñen a posibilidade de colaborar noutros sectores e puxo o acento na calidade dos produtos que se realizan na Comunidade autónoma en eidos como o téxtil, o agroalimentario, o vitivinícola, ou, como demostra a alianza estratéxica con Pemex, o da industrial naval. Ademais, resaltou o carácter estratéxico que en Galicia teñen terreos como o forestal, o turismo, a xestión de servizos ou as novas tecnoloxías.

O presidente da Xunta asegurou que, desde o ano 2009, o Goberno galego fixo un gran esforzo para internacionalizar a nosa economía, e que o vai seguir facendo durante os anos 2014, 2015 e 2016. Así apuntou que entre o ano 2009 e hoxe se incrementaron as exportacións galegas un 35%. “Se non abrisemos os nosos obxectivos á exportación, hoxe Galicia estaría nunha profunda crise económica”, pero “non nos conformamos con isto, ao contrario, iso anímamos a proseguir e a insistir nese obxectivo”.

O mandatario autonómico referiuse tamén á publicación, hoxe mesmo, do informe do servizo de estudos do BBVA que apunta que a economía galega crecerá en 2014 por riba da economía española, e, a ese respecto, indicou que a economía galega xa se vén comportando mellor nos últimos anos que a o do conxunto do país. Así, salientou que a comunidade rexistra 5 puntos menos de paro que a media de España, que foi das poucas autonomías que cumpriu cos obxectivos de déficit durante todos os anos e que posúe unha débeda pública 3,6% inferior á da media das comunidades.

Encontro coa colectividade galega de Panamá

Na tarde deste martes, o presidente da Xunta tamén mantivo un encontro coa colectividade galega de Panamá, conformada actualmente por máis de 3.100 persoas, das cales tan só 700 son orixinariamente galegas. A maioría dos galegos residentes neste país proceden, fundamentalmente, da provincia de Ourense, e máis concretamente, da comarca do Carballiño e, en particular, do concello de Boborás.

Na súa intervención, o presidente da Xunta pediulle á colectividade galega de Panamá o seu apoio para dar un novo impulso de galeguidade, en forma de proxección exterior do tecido produtivo galego e de busca de novas oportunidades para a economía de Galicia.

Exposición Alfabeto Delfín de Antón Lamazares

A axenda deste martes do presidente da Xunta en Panamá concluirá cunha visita á mostra Alfabeto Delfín, do artista galego Antón Lamazares, que está exposta desde o mes de outubro no Centro Cultural de España-Casa do Soldado. Unha exposición que contribúe a reforzar os lazos afectivos existentes entre Galicia e Panamá e que incide na integración cultural entre ambos os dous territorios.

Trátase dunha mostra composta por 19 pezas, comisariada polo arquitecto Manuel Blanco. Un conxunto de poemas pintados, sobre madeira e cartón, co particular alfabeto creado por Lamazares, un alfabeto chamado Delfín, na memoria do seu pai. Nela, o artista de Maceira ofrece una tela multicolor na que cincela textos poéticos escritos no seu propio abecedario, nun alfabeto encriptado que, ao descifralo, lle permite ao espectador mergullarse no seu mundo máis íntimo. Son poemas referidos á súa propia experiencia vital e ao seu universo persoal; imaxes que reflicten o poso do vivido e evocan a Galicia rural da que provén.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES