Notas de prensa

Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas, novo libro de Xosé Neira Vilas

O novo libro de Xosé Neira Vilas "Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas" recolle as investigacións do autor sobre o labor de promoción e preservación da cultura galega en Cuba desde Galicia. A nova publicación edítase no marco de colaboración entre a Xunta e o Consello da Cultura Galega.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na rolda de prensa de presentación do novo libro do escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas, “Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas”, coeditado polo Consello da Cultura Galega e pola Xunta de Galicia no marco do acordo de colaboración entre as dúas institucións.

“Se algún lugar de referencia hai á hora de enmarcar a importancia dos símbolos identitarios de Galicia no exterior, ese lugar é Cuba. Alí xermolaron a bandeira, o himno, a Real Academia Galega e as publicacións que marcaron e que auspiciaron os vieiros da cultura e da lingua propias”, sinalou Valentín García Gómez, que acompañou o autor cruceño no acto de presentación. O secretario xeral de Política Lingüística destacou o traballo de Xosé Neira Vilas, “Se hai alguén que teña profundado, investigado e documentado este labor desde a Galicia territorial para dar conta do esforzo e do traballo inxente levado a cabo en Cuba, ese é Xosé Neira Vilas”.

Na presentación participaron tamén o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; e mais o cónsul de Cuba en Galicia, José Antonio Solana.

‘Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas’

En “Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas”, Xosé Neira Vilas recupera nun mesmo volume tres obras que evocan a emigración galega a Cuba e que comparten como denominador común que xustifica este traballo de compilación: a narración de capítulos sobranceiros da historia da presenza de Galicia en Cuba, terra de promisión do pobo galego durante máis dun cuarto de século.

“A lingua galega en Cuba”, publicado polo Consello da Cultura Galega no ano 1995, constitúe o primeiro estudo arredor do idioma propio de Galicia alén das súas fronteiras xeográficas. Afonda arredor da fala viva nalgunhas rexións do país antillano, o galego na prensa galega de Cuba e na prensa cubana, libros galegos publicados na Habana, clases de galego, traducións de autores cubanos, a Cátedra de Cultura Galega e voces galegas na fala cotiá de Cuba.

“Rosalía de Castro e Cuba”, editada polo Patronato Rosalía de Castro no ano 1992, aborda o coñecemento e a difusión da poetisa galega na illa; “Follas Novas” e “Rosalía”, dúas publicacións periódicas; unha sociedade de declamación; versos nas voces de nenos cubanos; a axuda prestada a Rosalía, ás súas fillas Alexandra e Gala e a Murguía desde A Habana; poetas cubanos que lle cantaron e a loaron; a actual Sociedade Cultural Rosalía de Castro.

“Galegos que loitaron pola independencia de Cuba”, publicado en Ediciós do Castro no ano 1998, trata a historia dos emigrantes mambises que combateron nas dúas guerras pola independencia cubana, o xeneral Francisco Villamil e homes e mulleres incorporados a loitas reivindicativas do pobo cubano.

“Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas” dedícallo Xosé Neira Vilas á súa compañeira durante 52 anos, a xornalista e escritora cubana e galega Anisia Miranda, falecida en 2009.

Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). É, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega na que destaca como autor inaugural da nosa literatura infantil e xuvenil coa obra “Memorias dun neno labrego” (a máis vendida e traducida do sistema literario galego).

Residiu 43 anos en América, primeiro en Bos Aires (de 1949 a 1961), onde estudou xornalismo e creou coa súa esposa, Anisia Miranda, a editorial e distribuídora continental do libro galego Follas Novas; e despois na Habana (de 1961 a 1992), onde fundou e dirixiu durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, se especializou en xornalismo literario e exerceu de redactor xefe da revista infantil “Zunzún”. Regresou a Galicia no ano 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve aínda na actualidade un importante labor de dinamización cultural e lingüística.

É autor duns 50 libros (narrativa, literatura infantil, poesía, ensaio, memorias, investigacións, testemuños, traducións), colaborador de prensa, impulsor de múltiples actividades culturais e escritor activo que segue a ter Galicia e a súa lingua e cultura propias como eixe motivador de todo o seu quefacer literario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES